DeportesÚltima hora

Fin de semana deportiva no Carballiño co IX Rally do Lacón de Clásicos e a V Media Maratón

Jorge González, José Manuel Dacal e Fernando Guerra.

Dous eventos deportivos destacados terán lugar esta próxima fin de semana no Carballiño. Trátase da V Media Maratón e o IX Rally do Lacón de Coches Clásicos. A proba de atletismo celebrarase o domingo, 19 de marzo, e o rally mañá sábado.

Ambos eventos foron presentados esta mañá polo concelleiro de Deportes, José Manuel Dacal; o presidente do Club de Atletismo do Carballiño, Fernando Guerra, e o presidente de Clásicos Arenteiro, Jorge González.

O IX Rally do Lacón de Coches clásicos conta con máis de 60 coches inscritos, a maioría de Galicia, pero tamén doutras comunidades como Madrid ou Castela e León. Os coches son do ano 62 en adiante e concentraranse a partir das 9:30 horas na rúa do Paseo. A saída será ás 11:00 horas cun percorrido de 265 quilómetros. Os coches pasarán polos concellos da comarca do Carballiño-Ribeiro, Boborás, Avión, Beariz ata a Cañiza. Ás 16:3o horas, regreso ao Carballiño, e saída a Cortegada, Cenlle, Melón, San Amaro e Maside. Ás 19:00 horas volverán de novo á vila do Carballiño para facer un percorrido nocturno de 30 quilómetros. A partir das 20:30 horas será a concentración na Praza da Veracruz, e posteriormente farase a entrega de premios.

A V Media Maratón do Carballiño conta con 300 persoas inscritas. Haberá unha proba de 21 quilómetros e outra curta de sete. A saída en ambos casos serán tres voltas a un circuíto de sete quilómetros que discorrerá pola avenida do Arenteiro ata a ponte de Godás e despois pola avenida do Parque, rúa dos Carboeiros e Avenida do Balneario.

Tanto o concelleiro como os directivos dos clubs resaltaron a importancia destas probas que atraen a numerosos visitantes á vila, xa que as persoas inscritas soen traer acompañantes, e son probas cun gran número de seguidores.

Artigos relacionados

Back to top button