EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Froxán recrea o labor tradicional da pisa da castaña seca e do abandoxado

Nesta 19ª edición da festa o pregoeiro era o actor galego Federico Pérez, que estivo acompañado por ata tres progeiros de edicións anteriores: Xurxo Souto, Celso F. Sanmartín e Pepe Penabade

Ao mediodía comezaban a encherse os sacos de castañas na caniceira. Entre tanto, numeroso público agardaba arredor do sequeiro de Froxán (Folgoso do Courel) para poder ver de preto o labor dos pisadores. Deste xeito principiaba na mañá do 9 de decembro a XIX Festa da Pisa da Castaña Seca, que seguía o seu decurso festivo facéndolle fronte á chuvia, que aparecía por momentos.

Con toques acompasados sobre o tallo (un toro de madeira forrado con coiro), os pisadores ían golpeando os sacos cheos de castañas ata notar que estaban listas. Despois, comezaba a seguinte parte: o abandoxado, para quitarlle a segunda pel a estes froitos de outono. Del ocupábase Xan de Vilar, tamén con movementos precisos e acompasados. Logo, as castañas limpas depositábanse nunha cesta, onde podían ser degustadas polo público. Entre tanto, o ambiente estaba animado polas melodías tradicionais do grupo No Cómbaro (As Pontes) e ía prepárandose o xantar na carpa.

En torno ás dúas menos cuarto os pisadores interrumpían o seu labor. Dende a escaleira do sequeiro, Evaristo Méndez, responsable da Asociación Fonte do Milagro (organizadora da Pisa), expresaba o seu agradecemento a todos os asistentes e presentaba ao pregoeiro desta edición, o actor galego Federico Pérez, que comezaba a súa intervención facendo un xogo de palabras en clave de humor entre pisa e “pizza” e facendo a súa particular interpretación sobre as orixes da castaña e a súa chegada a Froxán.

De seguido, Evaristo facía un novo chamamento dende o alto da escaleira, desta volta para convidar a subirse a tres pregoeiros de edicións anteriores: Xurxo Souto, Celso F. Sanmartín e Pepe Penabade. Souto aproveitaba a ocasión para botar unha serie de brindes cantados por e para Froxán, mentres Celso F. Sanmartín recordaba experiencias anteriores neste pobo lucense e a importancia desta festa para recuperar antigos saberes, mentres Penabade poñía tamén en valor este evento etnográfico. Este pregón coral concluía cunha nova chamada, desta volta dirixida ao abandoxador oficial, Xan de Vilar, que subía tamén á escaleira para recitar un poema sobre a pisa.

O programa continuaba coa presentación de dous libros de poesía “Pasou o tempo” de Urbano Arza e “Aldea Viva” de Vicente Reboleiro. A partires das dúas e media comezaba a servirse o tradicional xantar do pisador (ao prezo de 10 euros) cun menú que incluía, por suposto, castañas cocidas, panceta e chourizo, xunto cun saboroso doce de castañas. A festa continuaba pola tarde con novas demostracións de pisado e abandoxado, nas que podía participar o público, e con actuacións musicais.

Ademais ao longo da xornada, instalábase na entrada do pobo unha mostra de produtos tradicionais na que podían atoparse diversos obxectos de artesanía (pezas en coiro, madeira, lousa…), ademais de libros, e produtos gastronómicos como embutidos, licores, marmeladas, queixos… Había expositores de diferentes lugares lucenses, entre eles a zona de Quiroga, pero tamén algún do Barco.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button