CulturaCultura

A Fundación Curros Enriquez adquire o exemplar de 1610 “Historias do apóstolo Santiago”

O exemplar estará exposto nunha sala da Casa dos Poetas de Celanova
Paula Conde, Antonio Piñeiro, Rosendo Fernández, Noa Fernández e José Luis Ferro.

A Fundación Curros Enríquez vén de adquirir o libro “Historia do apóstolo Santiago”, escrito no ano 1610 polo autor celanovés Mauro Castellá Ferrer, unha obra que se incorpora ao patrimonio bibliográfico de Celanova por medio dunha campaña de captación de fondos e de colaboración de particulares levada a cabo ao longo dos dous últimos meses.

A presentación desta publicación tivo lugar esta mañá (27 de abril) no Pazo Provincial, un acto no que participoaron presidente e do secretario da Fundación Curros Enríquez, José Luis Ferro e Antonio Piñeiro, respectivamente; as traballadoras da Fundación Curros Enríquez, Noa Fernández e Paula Conde e o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández.

O propio vicepresidente resaltou a importancia de “recuperar unha xoia bibliográfica galega para o patrimonio literario de Celanova”, e lembrou que este ano celébrase “o 450 aniversario do nacemento de Mauro Castellá Ferrer, unha gran oportunidade para dar a coñecer a súa obra ao público”.

Pola súa parte, o presidente da Fundación Curros Enríquez sinalou que esta adquisición “encaixa no obxectivo da entidade de dar a coñecer e poñer en valor aos nosos escritores”. Asemade, Ferro dixo que a recuperación deste exemplar é importante por varias razóns: pola súa antigüidade, porque foi escrito por un celanovés e porque relata aspectos relacionados coa nosa historia sobre as figuras de San Rosendo e San Torcuato, así como unha completa descrición do edificio monacal de Celanova.

En concreeto, este libro conta a historia do Apóstol Santiago e destaca a súa importancia, sobre todo, na batalla de Clavijo, incluíndo nela numerosos datos sobre a súa propia biografía persoal, así como sobre a historia de Santiago de Compostela. O traballo inclúe tamén unha biografía sobre San Rosendo e unha descrición do edificio monacal de Celanova denantes da reconstrución da fábrica actual.

Antonio Piñeiro explicou que un dos labores que realiza a Fundación Curros Enríquez é a de “recuperar material que teñan relación coa figura de Curros Enríquez e topamos con esta obra que custaba 900 euros polo que, puxemos en marcha unha campaña de captación de fondos na cal levamos unha hucha ao mercado e recadamos 800 euros, poñendo o importe restante a Fundación”.

A obra estará exposta, a partir da vindeira semana, nunha sala da Casa dos Poetas para que todas aquelas persoas que o desexen, poidan ir visitalo.

Artigos relacionados

Back to top button