En portadaXVIII Feira do Viño Valdeorras

Fusión de brancos, tintos e música, na XVIII Feira do Viño de Valdeorras

O certame, que incluirá concertos e o tren turístico “Valdeorras expreso”, celebrarase o 11 e o 12 de xullo en Viloira
O presidente do CRDO Valdeorras, José Vicente Solarat, co alcalde do Barco, Alfredo García, na presentación da XVIII Feira do Viño./ Foto: Carlos G. Hervella.
O presidente do CRDO Valdeorras, José Vicente Solarat, co alcalde do Barco, Alfredo García, na presentación da XVIII Feira do Viño./ Foto: Carlos G. Hervella.

Con novas propostas pensadas para todo tipo de públicos preséntase a XVIII Feira do Viño de Valdeorras. Este certame, que se desenvolverá na fin de semana do 11 e 12 de xullo terá como escenario nesta edición a praza de Viloira (O Barco). O recinto feiral albergará finalmente a 16 adegas amparadas pola denominación de orixe valdeorresa e nel tamén se poderá desfrutar de diversos concertos.

O punto de partida do programa será unha xornada formativa impartida pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia no Barco o 7 de xullo, xunto coa XVI Cata da Feira do Viño, o 9 e o 10 de xullo no consello regulador. Pero a mostra propiamente dita arrancará co pregón o sábado 11 de xullo ás 12:30h., que correrá a cargo de Julián Villamarín.

Entre as novidades desta edición figuran varios concertos, incluídos no I Valdeorrock. “Queremos mesturar o que é a cultura vitivinícola de Valdeorras coa música contemporánea e tamén facilitar a presenza de xente nova no ámbito da feira”, sinalaba o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Vicente Solarat, na presentación do programa da feira. Así poderá desfrutarse do ritmo de Jurassic Rock Dj, con The Morgans e co Bon Scott Revival Show, un grupo “tributo clónica que repasa todos os éxitos da mítica banda australiana AC/DC”, en palabras de Solarat.

Tamén está prevista unha cata popular na xornada do domingo, dirixida pola sumiller Mercedes González, e o acto da entrega de premios aos viños mellor valoradoa na cata oficial. E durante os dous días da feira instalarase un parque de actividades infantís nos Xardíns da Casa Grande de Viloira.

Outra das novidades deste ano será a posta en funcionamento do “Valdeorras expreso” durante os dous días da feira. Trátase dun tren turístico gratuíto para o traslado de visitantes ata Viloira. O seu percorrido irá dende Calabagueiros, o Hospital Comarcal Valdeorras, a praza do Concello e, finalmente, ata a praza de Viloira. Os traxectos serán de ida e volta.

“Dende o Concello do Barco pareceunos unha boa ubicación a proposta de facelo na praza de Viloira, deste xeito tamén se evitarán os calores do ano pasado na praza Andrés de Prada. Ademais contémplanse solucións para facilitar a chegada da xente ao recinto como é o tren”, sinalaba na presentación o alcalde barquense, Alfredo García.

Texto: A.R.
Máis información na vindeira edición do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button