EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

“Galicia Calidade” promociónase en Madrid

Viños das denominacións de orixe galegas, augas ou froitas amparadas por este selo participaban en diversas accións celebradas na capital de España
Unha das accións promocionais organizadas por "Galicia Calidade" en Madrid.
Unha das accións promocionais organizadas por “Galicia Calidade” en Madrid.

A Asociación de Hostaleiros de Madrid “La Viña” convertíase a mediados de outubro en escenario do obradoiro “Descubrindo os viños de Galicia”, impartido polo sumiller galego Óscar Quintana. Esta é unha das accións que nos últimos días está a promover en Madrid Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía e Industria.

No marco deste obradoiro degustáronse os viños amparados pola marca de garantía Galicia Calidade, procedentes das cinco denominacións de orixe galegas. Así, puideron catarse os caldos das doce adegas certificadas: Bodegas Ruchel, A Coroa, Adega dos Eidos, Adegas Tollodouro, Adegas Valdés, Bodegas Pazo de Villarei, Bodegas Nairoa, Castro Baroña, Gargalo, Quinta do Buble, Regina Viarum e Vilarvín.

Ademais o barista Óscar de Toro realizaba un taller sobre café, incidindo na importancia do emprego da auga e destacando o café de pota, de gran tradición en Galicia. Ao rematar os dous actos, os asistentes degustaron unha selección dos produtos das empresas amparadas por Galicia Calidade.

Por outra banda, na Escuela Internacional de Hotelería y Turismo Vatel España en Madrid, dependente da Embaixada de Francia, o barista impartía unha masterclass sobre a realización do café, destacando neste caso a marca de auga Cabreiroá, amparada por Galicia Calidade. Entre os asistentes atopábanse os alumnos do ciclo de hostalaría deste centro, un dos máis prestixiosos de España e onde saen profesionais de primeiro nivel cada ano.

Tamén en Madrid, “Galicia Calidade” promocionaba os produtos galegos na feira internacional Fruit Attraction en Madrid, encontro que acollía un almorzo no stand da empresa certificada Kiwi Atlántico.

Artigos relacionados

Back to top button