ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Gandeiros e apicultores da “zona cero da sequía”, no oriente ourensán, na manifestación en defensa do rural en Santiago

Tiña lugar nesta mañá na capital galega e estaba convocada por UUAA baixo o lema “Non ao abondono do rural”

En torno ás once e media da mañá deste sábado 18 de novembro partía dende a Alameda de Santiago de Compostela a manifestación convocada por Unións Agrarias (UUAA) baixo o lema “Non ao abondono do rural”. Entre os participantes nesta mobilización estaban uns 300 gandeiros e apicultores da zona de montaña do oriente ourensán, afectados pola xeada, pero tamén especialmente pola seca deste ano. Chegaban en diversos autobuses e tamén en coches particulares.

A marcha, na que participaban algúns tractores, percorría a cidade ata chegar á estación de autobuses. “O rural non é o problema, é a solución”, dicían algunhas das pancartas. Ao remate, dábase lectura a un manifesto por parte de tres representantes de Unións Agrarias: María Páez, responsable do sindicato na comarca de Viana, o responsable de agricultura Xosé Ramón González e Roberto García, secretario xeral do sindicato. “Non queremos regalos. Queremos o que nos corresponde como cidadáns. Non imos ceder ata conseguilo”, concluía García.

Segundo a organización convocante, nesta mobilización, que pedía axudas directas para os afectados polas xeadas e pola seca, participaban arredor dunhas 5.000 persoas. Nela contábase coa presenza de deputados socialistas autonómicos como a ourensá Noela Blanco e Xoaquín Leiceaga, así como coa do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. Tamén asistía o concelleiro de Medio Rural de Viana do Bolo, o gandeiro Santiago Barja.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button