EntrevistasO Sil agosto 2016Última hora

“Gustaríame recuperar os barrios”

A alcaldesa da Rúa, María González Albert asegura que avanzaron na transparencia e que “nunca houbo tanta comunicación por parte do Concello”
A alcaldesa da Rúa, María González Albert. /Foto: Carlos G. Hervella.
A alcaldesa da Rúa, María González Albert. /Foto: Carlos G. Hervella.

Tras uns resultados electorais históricos, en xuño de 2015 a nacionalista María González Albert tomaba posesión como alcaldesa da Rúa, logo de chegar a un acordo co grupo socialista lideado por Luis Fdez. para gobernar dous anos cada un. Era a primeira vez que unha muller se sentaba no sillón da alcaldía ruesa e tamén a primeira experiencia para María, que está sendo “moi didáctica”. Levaba moitos anos en política, sempre na oposición pero recoñece que “descoñecía absolutamente a vida municipal que se vei totalmente diferente dende este lado. Aprendín moito sobre o funcionamento do Concello, das cousas que podes facer, das que non, os tempos…”. Tamén ten a percepción de que a xente se relaciona con ela de forma diferente con respecto a outros alcaldes. “Por ser muller, xa de entrada a relación é diferente incluso nas discusións, que son moito máis comedidas. E despois tamén pode influír que eu non dou moito o perfil clásico de alcalde da Rúa e creo que me ven accesible, tentando non dicir a todo que si, pero explicando cando non se pode facer algo e por que, aínda que é un labor complicado porque esta é a administración máis próxima e a xente vén aquí a todo e non entende que algo esté mal pero que non sexa competencia nosa”, di, asegurando que segue tomándose os problemas como se fosen persoais. “Estou contenta coas cousas que podes facer, descontenta coas que queres e non podes, e son moitas ás que non das chegado pero esá claro que se trata dun traballo dos 365 días do ano as 24 horas”.

Cumpriuse a metade do seu mandato, ¿que balance fai deste ano?¿Que ten sido o máis difícil?
Eu estou contenta, a verdade. Estou tentando que se note que traballamos e nalgunhas cousas estase notando, por exemplo poder ter levado a auga a Vilela (a que tiñan non valía e foi unha obra que tivemos que afrontar dende o Concello), ou ter o ascensor no Centro de Saúde que asinaremos en breve. Tamén o saneamento da chopeira, que é un drama, pero é algo que había que facer e espero chegar ao inverno para facer a plantación porque vai levar anos recuperar esa zona. Imos facendo cousas das que me sinto orgullosa e despois hai moitas outras que habería que facer e non chegas. A política municipal é unha carreira a longo prazo. Ademais agora a xente ten un nivel de esixencia moi alto creado polas redes sociais, que está moi ben nalgunhas cousas, logrando unha política moi directa, pero tamén ten a outra parte na que hai que explicar que os medios do Concello son os que son. Dende logo o máis difícil para min son os tempos municipais. Agóbiame ter que ir vinte veces ao mesmo sitio para conseguir unha cousa que na empresa privada se faría en medio día,… o papeleo municipal é incrible. Co tema da transparencia si que avanzamos e estou contenta de publicar os plenos e activar as redes sociais que levo eu directamente. Nunca houbo tanta comunicación por parte do Concello e se un día non che dá tempo de publicar algo a xente xa cho reclama, aínda que está ben porque iso demostra que se interesa polas cousas que publicas e polo pobo e ves que o esforzo chega á xente.

A reestruturación da Chopera era precisamente un dos seus obxectivos.
Iso tamén foi algo frustrante polos tempos. Aínda non tomara posesión cando caera un chopo e enseguida chamamos a un axente forestal, marcaron as árbores danadas e foi seguir o proceso coa Confederación para pedir os permisos, falar con Iberdrola que é o titular do terreo, con Medio Rural para os informes, facer o proxecto da plantación, ir á Deputación para solicitar axuda económica. Presentamos os requisitos para unha subvención da Xunta para a tala en decembro que se resolveu en maio e iso que era unha cuestión de seguridade. Foi complicado aínda que agora penso que quizais por ese retraso está máis asumida pola poboación a necesidade da tala, porque nese tempo caeron moitas árbores. Outra cousa é a pena que dá a Chopera como un espazo que temos metido no subconsciente, pero a miña idea é que habería que ir quitando todos os chopos porque incluso na cola do encoro están mal. É unha especie para aproveitamento madeireiro de curto prazo polo que o mellor é que sexa substituído por outra especie máis apropiada, de ribeira, facendo un espazo de lecer vinculado ao encoro e ás súas actividades. Que é distinto do xardín botánico que comezamos este ano coa colaboración do Distrito XII. A idea é ir plantando diferentes especies e facer un espazo máis didáctico con paneis explicativos e demais.

A entrevista íntegra, no Especial Festas de Agosto do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button