En portadaGalerías de fotos

I Cumio provincial de alcaldes co presidente da Deputación

Esta xuntanza comezaba ao mediodía en Expourense e reunía a 86 rexidores ourensáns

O salón de actos de Expourense convertíase no mediodía do 4 de setembro en escenario do I Cumio provincial de alcaldes do presidente da Deputación de Ourense (CUMIOU). “Este cumio non é un pleno da Deputación, nin tampouco unha xuntanza de partidos políticos, o seu obxectivo é servir para que a Deputación escoite e informe aos alcaldes de cuestións comúns”, matizaba ao inicio da súa intervención o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar. Tamén se buscaba “analizar propostas e establecer canles de participación e e de comunicación entre os concellos da provincia”.

Agradecía tamén a presenza dos rexidores e destacaba que esta é a primeira vez que se celebra unha reunión deste tipo, á que só excusaron a súa ausencia cinco alcaldes: os de Ourense, Cualedro, Trasmiras, Xinzo de Limia e Baltar. O presidente provincial centraba o seu discurso na exposición do Plan Ourense 2015-2019, “motivo fundamental desta xuntanza e que lle distribuíu ao todos os asistentes”. O obxectivo deste documento é aportar “unha visión integral da provincia e o desenvolvemento rural sostible”. Nel inclúense 77 medidas, das cales “26 afectan directamente e de xeito positivo aos concellos e á súa xestión”. Son medidas a desenvolver nos vindeiros catro anos “e en todas elas se establece un mes e un ano de posta en marcha”, matizaba Manuel Baltar.

Referíase asemade aos contidos dos orzamentos do 2016 da Deputación, que “serán aprobados o 25 de setembro” e que suporán un “incremento dun 2% con respecto aos do 2015″. Nese pleno tamén se abordará a aprobación das bases do Plan Provincial para os concellos”. Entre as novidades dos orzamentos do vindeiro exercicio, que Baltar cifraba nuns 75 millóns e euros, destacaba un Plan de apoio á natalidade, un Plan de Axuda á Empregabilidade e un Plan de Mocidade Activa.

Tras a exposición de Manuel Baltar, tomaba a palabra o director da Área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira, quen repasaba os diferentes programas de política social que se teñen desenvolvido nos últimos anos e facía especial fincapé no Plan Ben Ourense.

De seguido, iniciábase un turno de intervencións de diversos rexidores da provincia, que encetaba o alcalde de Allariz, Francisco García, e que continuaba cos rexedores de Ribadavia, Vilar de Santos, Baños de Molgas, Os Blancos e Cenlle, que aludiron principalmente ao financiamento dos concellos e ao seu reparto de recursos dende a administración, entre outras cuestións.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button