En portadaÚltima hora

I Encontro do Tecido Cultural do Macizo Central

Vinte asociacións desta zona ourensá acordan unir forzas e crear unha rede colaboración que permita “ampliar a oferta, difusión e acceso á cultura” nesta parte da provincia
O encontro entre as asociacións concluía compartindo un xantar./ Foto cedida.

O Espazo Cultural A Palloza de Montederramo acollía o 13 de outubro o I Encontro Macizo Central do Tecido Cultural, promovido pola Asociación Cultural RíoMola e a ADR Montederramo. Alí déronse cita entidades, colectivos e persoas que colaboran ou organizan actividades culturais nesta parte da provincia de Ourense.

Este encontro, “que pretende ser periódico, ten como obxectivo tecer unha rede de colaboración que permita ampliar a oferta, difusión e acceso á cultura no Macizo Ourensán. Desta forma comézanse xa a desenvolver espazos comúns de programación, así como de comunicación, baixo o selo Cultura do Macizo”, explican o promotores da iniciativa.

A este proxecto veñen de sumarse unha vintena de entidades desta zona: a Asociación Cultural Xuvenil O Irrio, Proxecto Pobo Escola, Asociación Cultural Tarabelada, Asociación Cultural A Caniceira, Ecos da Pedra, Asociación Amigos de Montederramo, LEDI Project, A Palleira de Tronceda turismo responsable, A Rebusca, Castro Caldelas Vegan Trail, Asociación de Mulleres Rurais Caracocha, Espazo Cultural Bar A Palloza, El Arte de la Paz, Club Montaña Trives, Casa do Solpor turismo responsable, Ponte Louco, Asociacion cultural e deportiva Ladeiras do Sanmamede, Castañada, Asociación Cultural RíoMola e ADR Montederramo.

“Non todas puideron estar presentes fisicamente no encontro por problemas de datas pero intégranse no proceso”, matizan os organizadores. E indican tamén que “a nivel persoal sumouse xente vinculada ao mundo da cultura en moi diferentes ámbitos como o deporte, circo, música, teatro, feiras, artesanía”.

Unha das accións que veñen de poñer en marcha é a creación dun espazo de comunicación común en facebook para amosar a vida cultural do Macizo Central Ourensán.

Máis información:
https://www.facebook.com/Cultura-Macizo-Central-143306246402964/

Imaxe da páxina de facebook deste colectivo.

Artigos relacionados

Back to top button