DeportesÚltima hora

I Torneo BMX, Skate & Scooter, este venres no Barco de Valdeorras

O Legume Jam celébrase en plenas Festas do Cristo, a partires das cinco da tarde no Skatepark
Christian Pombo en pleno salto no Skatepark do Barco.

Os deportes extremos como o skateboard ou a modalidade de ciclismo BMX (Bicycle Motocross) teñen en Valdedorras os seus seguidores, algúns incluso semiprofesionais. É o caso do barquense Christian Pombo que conta con varios patrocinadores que lle permiten competir en importantes citas de BMX e tamén de Iván Tato, que se centra máis no skate.

Xuntos ou de forma individual pasan as horas que poden practicando no Skatepark que hai no Barco de Valdeorras, sen cesar no seu empeño en dar a coñecer o seu deporte. Por iso, en plenas Festas de Santa Rita, alá polo mes de maio, organizaban unha exhibición na que se xuntaron sete skate, sete scooter (patinetes) e cinco BMX. “Foi como un día calquera pero cada un tiña o seu tempo de exhibición e nese momento ninguén se podía meter e, ademais dos do Barco, veu xente de Ponferrada e de Vigo”. Christian e Iván teñen claro que este tipo de encontros deixa cartos no pobo “porque vén xente de fóra que come e durme aquí. Un exemplo é o Marisquiño que comezou nunha rampa en Samil e agora reúne a centos de persoas”, aseguran.

 

Participantes na exhibición celebrada nas Festas de Santa Rita, no mes de maio.

Por iso, e dado o éxito da convocatoria que foi seguida por numeroso público e afeccionados, estes xoves quixeron dar un paso máis e, coa colaboración de Óscar Yáñez de APP Informática e varios establecementos comerciais locais (Ton y Son, A Hortiña do Val, Perruquería Pili, Tri-Sport e Ana de la Puente) decidían organizar unha nova exhibición, deste volta con premios. “A anterior foi para ver como respondía a xente e houbo máis da que esperabamos, xente nova e tamén maior así que organizamos un campionato para as Festas do Cristo”, explican Iván e Christian.

Así nace o Legume Jam, o I Torneo de BMX, Stake e Scooter que se celebrará este venres 15 de setembro a partires das 17h. nas instalacións do Malecón, moi preto do campo da festa. Tal como explican dende a organización, as inscricións serán gratuítas e faranse o mesmo día do evento no propio Skatepark. Con respecto aos premios, haberá material e trofeo para os tres primeiros clasificados de cada modalidade, aínda que ata que saiban a xente que participará non poderán establecer as idades de competición.

 

Un momento da exhibición de skate.

No evento pode participar quen o desexe sendo obrigatorio o uso de casco. Polo demais “cada un é responsable dos seus propios actos, se queren levar guantes e protectores ou non, será decisión súa”, asegura Iván. Ademais dos comercios locais, tamén contan coa colaboración da empresa Cromoly de Vigo.

Máis información no Especial Festas do Cristo do Periódico O Sil.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button