DeportesÚltima hora

I Travesía a nado de Valdeorras, o 5 de setembro

Trátase da proba máis longa e a única ourensá do XII Circuíto Galego de Augas Abertas
Nadadores na zona do Sil na que se desputará a proba en Vilamartín.
Nadadores na zona do Sil na que se desputará a proba en Vilamartín.

Será a derradeira cita do XII Circuíto Galego de Augas Abertas e tamén a máis longa. Valdeorras entra na competición autonómica desta modalidade cunha proba que se celebrará o vindeiro 5 de setembro. Terá carácter competitivo pero tamén popular. Así o programa desta I Travesía a Nado de Valdeorras encetarase no Barco ás 11:30h cunha cita popular de natación no río Sil. Nela cubrirase unha distancia duns 350 metros e a súa meta situarase no Malecón. A inscrición nesta travesía será gratuíta e poderá realizarse na Oficina de Xuventude e Deportes do Barco (no edificio da biblioteca municipal) ou nas tendas de deportes que colaboran coa organización.

A competición propiamente dita e incluída no Circuíto Galego de Augas Abertas comezará ás cinco da tarde e terá como escenario a zona do encoro do Sil ao seu paso pola localidade de Vilamartín. Está dirixida a nadadores con máis experiencia ou resistencia e desputarase nun circuíto de 2.525 metros no que os participantes poderán escoller entre dar unha ou dúas voltas. Sen embargo, para puntuar, deberán completar dúas voltas, o que supón un total de 5.050 metros. Será ademais unha proba moi visual e atractiva para o público, tendo en conta a súa ubicación.

O programa desta I Travesía a Nado de Valdeorras, única cita ourensá do circuíto galego de augas abertas, concluirá coa entrega de trofeos. Levarase a cabo ao rematar a competición nas inmediacións da meta. Será organizada polo Club Adas Natación en colaboración cos concellos do Barco e Vilamartín.

Texto: A.R.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button