CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Ignacio Vilar e Laura Fernández presentan na Rúa o filme Sicixia

O Centro Cultural Avenida acollerá tres novos pases, o xoves día 8, o sábado día 10 e o domingo día 11, ás 19 horas

Despois de percorrer varios festivais e da estrea oficial o pasado 25 de novembro, a nova película do director valdeorrés Ignacio Vilar, Sicixia, chegaba á Rúa con varios pases ao longo de toda a semana no Centro Cultural Avenida.

O primeiro tiña lugar o sábado dia 3 contando coa presenza do propio Ignacio Vilar e da directora de produción Laura Fernández. Acompañados pola alcaldesa da Rúa, María G. Albert, ámbolos dous presentaban o filme aos asistentes, agradecendo a súa asistencia “porque para poder levar a cabo un proxecto cinematográfico é importante o equipo técnico e a financiación, pero sen o público sería imposible”, asegurou Vilar.

Sicixia (paseo polo amor e a Costa da Morte) é un filme cen por cen galego protagonizado por Monti Castiñeiras e Marta Lado, que narra a historia entre Xiao un enxeñeiro de son que percorre as localidades e lugares máis recónditos de Galicia na procura de sons, da xente e da natureza, e de Olalla, unha moza que traballa na colleita de algas e espertará en Xiao a paixón pola vida, a terra e o salvaxe da Costa da Morte. Quen aínda non tivo ocasión de velo, pode facelo mañá xoves día 8 ás 19h; o sábado día 10 ás 19h; e o domingo día 11 ás 19h.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button