CulturaCulturaÚltima hora

A II edición do Festival Internacional de Curtas Vía XIV de Verín celebrarase do 1 ao 10 de decembro

O prazo para a presentación de curtas a concurso será do 23 de setembro ao 23 de outubro
A concelleira de Cultura Emilia Somoza, o alcade de Verín Gerardo Seoane e o director do festival Carlos Montero, na presentación da II FIC Vía XIV.

Co mesmo formato da primeira edición pero con moitas novidades se presenta o II Festival Internacional de Curtas Vía XIV que se celebrará do 1 ao 10 de decembro en Verín. A primeira é precisamente a ampliación dos días nos que se celebrará, que pasa de sete a dez , e que responde a un aumento das actividades complementarias que se organizarán ao abeiro do Festival, que contará, ademais de coas proxeccións cinematográfricas, con obradoiros para nenos e adolescentes, foros de debate, obradoiros profesionais e mesas redondas, entre outras.

A presentación desta nova edición do FIC Vía XIV Verín tiña lugar na mañá do 22 de setembro na Casa da Cultura de Verín, da man de Emilia Somoza, concelleira de Cultura de Verín e coordinadora xeral do festivial; de Gerardo Seoane, alcalde de Verín; e de Carlos Montero, director do festival e responsable de comunicación do Concello. O director explicou que a II edición do festival tamén contará con novidades no que atinxe ás categorías. “O ano pasado recibimos 650 curtametraxes a concurso, das que seleccionamos 39. Nembargantes, o equipo técnico deuse conta de que había moitas obras de gran calidade que non se puideron proxectar por non ter cabida nas categorías temáticas establecidas. Por outra banda, tamén nos decatamos de que as categorías Emigración e Fronteira se solapaban por ser temáticas moi semellantes. Isto fíxonos pensar que, para mellorar o Festival, deberiamos reorganizar as categorías sen perder a idiosincrasia coa que naceu”.

 

Presentación do Festival que se celebrará en decembro en Verín.

Así pois, co obxectivo de acoller unha maior calidade de proxectos audiovisuais mantendo a idea orixinal de ofrecer unha ollada audiovisual creativa dos elementos que fan de Verín e do Val do Támega un territorio singular: o Entroido e a Raia, este ano o FIC contará con catro categorías: Entroido-Outra Mirada que recollerá obras que “destrúen as regras cartesianas, que crean espazos alternativos, obras que experimentan coa linguaxe cinematográfica, que manexan códigos surrealistas e oníricos”; Migración/Fronteira-Horizontes, na que se incidirá na idea do horizonte “como liña imaxinaria e invisible, lonxana e inalcanzable, de gran violencia emocional e simbólica como metáfora da migración”; Nova, na que serán seleccionadas curtas que non teñen cabida nas temáticas categorizadas con filmes contemporáneos, cinema de autor e obras que non se rixen por formatos industriais comerciais; e Galego/Portuguesa-A Raia, na que poderán verse unha selección de curtas de cineastas de Galicia e Portugal.

A apertura oficial do concurso de curtas, actividade central do Festival, será mañá, sábado 23 de setembro, e permanecerá aberto ata o 23 de outubro. Un mes durante o cal os creadores poderán presentar as súas obras nas distintas categorías do FIC Vía XIV.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button