CulturaÚltima hora

Impulsan unha ruta de concertos polos mosteiros da provincia

O Coro de Cámara Música Viva do Carballiño planeou a iniciativa para “dar vida” a estes complexos e aproveitar as súas condicións acústicas
Dende a esquerda, Gómez Villar, Rey, Fernández, Ulloa e Doval no Pazo Provincial de Ourense. // Foto: S.F.
Dende a esquerda, Gómez Villar, Rey, Fernández, Ulloa e Doval no Pazo Provincial de Ourense. // Foto: S.F.

Música para revivir os mosteiros. Esa é a idea coa que nace a primeira edición da Música na ruta dos Mosteiros, un programa que combina música e historia para rescatar estes complexos arquitectónicos sementados por toda a provincia e que, coa marcha ou extinción dos monxes que os habitaban, foron quedando baleiros. Os membros do Coro de Cámara Música Viva do Carballiño, organizadores da iniciativa, aliáronse coa Deputación de Ourense para sacar adiante esta primeira edición que ofrece concertos da formación carballiñesa en catro mosteiros.

O programa desvelado esta mañá no Pazo Provincial da Deputación de Ourense prevé o primeiro encontro para o vindeiro 23 de outubro. O coro carballiñés inaugurará este circuíto no Mosteiro de San Clodio, no Concello de Leiro. Será a partires das 18.30 horas. Continuarán o día 30 no Mosteiro de Santa María, en Montederramo, á mesma hora. E farán o mesmo nos mosteiros de Oseira (Cea) e de San Rosendo (Celanova), os días 20 e 27 de novembro, respectivamente.

“Trátase dun proxecto novidoso e ambicioso”, definía o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, durante a presentación desta mañá. Tamén o deputado Manuel Doval quixo valorar esta iniciativa que “vai facer que eses mosteiros de pedra teñan vida, unha vida ilusionante e que desperten os sentidos”. Completaban o elenco dos presentadores o director do coro carballiñés, Antonio Rey, e un dos coralistas da formación, Manuel Ulloa. Para eles, o circuíto proposto servirá para integrar aos mosteiros “no noso funcionamento diario” para que “teñan vida perenne, diaria, e non sexan visitas dun só día” á par que se “aproveitan as condicións acústicas”.

Os concertos irán precedidos dunha breve exposición verbal que dará a coñecer aos presentes a historia do mosteiro no que se atopen. Tras esta introdución que se prolongará uns 15 minutos, dará comezo o concerto da coral, que interpretará pezas da música sacra pero tamén da popular. A entrada para todos os concertos será gratuíta.

Texto: Sara Fontenla.

Artigos relacionados

Back to top button