ConcellosÚltima hora

Inaugúrase a nova subestación eléctrica de Verín

No acto participaban o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente de Gas Natural Fenosa, Salvador Gabarró, entre outras autoridades
Acto inaugural da nova subestación de Verín./ Foto: Pablo Candamio.
Acto inaugural da nova subestación de Verín./ Foto: Pablo Candamio.

A nova subestación eléctrica de Verín II, situada no polígono industrial de Pazos, xa é unha realidade. Reforza a rede eléctrica e mellora a calidade da subministración a máis de 22.658 clientes, tanto de Verín coma dos municipios de Laza, Cualedro, Monterrei, Riós, Vilardevós, Castrelo do Val e Oímbra.

“Hoxe cúmprese unha vella demanda solicitada nas tres últimas décadas polos veciños da nosa localidade. Foi un dos obxectivos primordiais deste grupo de goberno, e hoxe podemos dicir que se fixo realidade o traslado da subestación dende a zona urbana de Verín ao polígono industrial de Pazos”, sinalaba o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, na mañá do 30 de xullo no acto inaugural desta nova subestación, que contaba coa asistencia do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e do presidente de Gas Natural Fenosa, Salvador Gabarró, entre outras autoridades.

Esta nova infraestrutura, propiedade de Unión Fenosa Distribución (filial de distribución eléctrica de Gas Natural Fenosa) está conectada ao sistema eléctrico a través de dúas liñas subterráneas de alta tensión. Nas súas instalacións alberga dous transformadores de alta e media tensión de 30 MVA cada un, con posibilidade para ampliar a un terceiro.

A actuación permitiu conectar a rede de alta tensión coas subestacións de Larouco e Xinzo de Limia, o que mellorará considerablemente a fiabilidade eléctrica da subestación de Pazos, que terá maior capacidade de transformación e de atención ás demandas actuais e futuras do Concello de Verín e a súa bisbarra. Ademais, a compañía canalizou liñas soterradas que suman un total de 24 quilómetros de liña de Media tensión, o que supuxo a eliminación de 7 quilómetros de liñas aéreas. Esta subestación ten suposto un investimento de 7,8 millóns de euros e é de última xeración tecnolóxica.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button