ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Inaugúrase o banco artesán no “Miradoiro de Salesa”, en Celavente

Unha trintena de persoas participaron na andaina dende O Bolo ata A Fraga

O 2 de setembro fixo un ano do falecemento de Salesa Losada (Pescados Marta), veciña de Celavente (O Bolo) pero non era ata hoxe, 16 de setembro cando se celebraba o cabodano.

O culto celebrábase pola tarde na igrexa parroquial de Celavente pero noutro punto do pobo, moi preto da Fraga (camiño de Aceveda), tiña lugar pola mañá unha peculiar homenaxe. Unha trintena de persoas (moitos veciños do municipio) participaban na andaina duns 10 quilómetros (ida e volta) dende O Bolo, para coñecer o “Miradoiro de Salesa”, unha paraxe dende a que se pode ver unha fermosa panorámica de diferentes concellos (O Bolo, Viana, Vilariño, Manzaneda, Trives, Larouco, A Rúa, Chandrexa de Quiexa…). Un lugar especial que a propia Salesa quería que todo o mundo coñecese.

Da iniciativa do grupo de Facebook “A Torre da Homenaxe de O Bolo” e coa colaboración popular, a idea de instalar nese punto un banco exclusivo (feito en madeira por un artesán) para poder desfrutar da paisaxe en calquera momento, facíase realidade e hoxe, quedaba oficialmente inaugurado.

Ao acto non faltou o administrador do grupo de Facebook e alma máter da idea, José Rodríguez; nin a filla de Salesa, Marta González; nin tampouco Maria Jesús Calvo Otero, a fotógrafa que compartiu no grupo unha foto dende o propio miradoiro, dando lugar á iniciativa para cumprir o soño de Salesa, que pronto se fixo viral e moi popular.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

 

Artigos relacionados

Back to top button