Na denominada Alta Sanabria, no noroeste da provincia zamorana sitúase a localidade de Lubián, a 1.024 m de altitude e moi preto da provincia de Ourense. Seis freguesías acolle nos seus 94 km2 de superficie (Lubián, Aciveiros, Chaos, As Hedradas, Hedroso e Padornelo).
A Praza da Horta do Cura é o km 0 desta ruta que vai por dentro da parroquia de Lubián, un lugar no que non é fácil facerse a idea de que estamos en Castela e León, a dicir da fala dos aldeáns, xa que empregan o galego como fala.
A primeira dirección que colleremos é a do NE, o cima do lugar; para ir ver o cortello lo lobo. Unha fermosa construcción popular que se empraza na media ladeira do monte; trátase dun muro en forma circular pechado, que arrasa co terreo por unha parte e que se empregaba para cazar o lobo poñendo un godallo dentro del a modo de cebo, e deste xeito o lobo salta ó seu interior. Os veciños encargaríanse de collelo, embozalo e logo pasealo polo lugar con orgullo.
Vista esta construcción típica do NO peninsular, volvemos á praza, ó carón da fermosa igrexa de San Mamede da que destaca a súa impoñente torre como remate da longa fachada. Camiño da paraxe do Carnatiño saímos do lugar, no que pasaremos o regueiro do Porto da Meda por riba da ponte, seguindo o trazado do Camiño de Santiago, aquí chamado sanabrés ou mozárabe.
Entre a fermosura achegada polo outono e o inverno ás espidas touzas de rebolos imos camiño da paraxe da Granxa ata chegar á revolta dos Avesediños o tempo que seguimos para o lugar de Aciveiros, pasando antes pola Ponte Xanairas. Mentres andamos este anaco do Camiño de Santiago fannos compaña as loitadoras augas do Río Pedro, que se retorcen con brío entre as fonduras e as pedras.
En Aciveiros non deixamos pasar a ocasión de visitar a súa fermosa igrexa parroquial na que destaca un pequeno pórtico de tres arcos, e outro lado do lugar a fermosa capela de Santa Ana con toques barrocos. Á dereita da capela collemos o camiño de volta, que xa non é de peregrinación.
Vai pasando pola Carreira Chá, cruza o Río Ameixeiras e as paraxes de A Grela e a Valiña ata volver aparecer debaixo do lugar de Lubián. Para chegar o lugar temos que cruzar as cristalinas augas do Río Pedro por riba da Ponte do Porto dos Carros.
Fermosas construccións as que se conservan, algunhas delas son lembradas como as que tiñan as cantinas onde os franceses repuñan forzas para tentar vencer ós galegos, algo que non puideron facer.
Este lugar fai gala o seu nome, por eso non é de estrañar que nalgún destes paseos polos seus montes e carrúas nos topemos co depredador por excelencia destas terras, o Canis lupus (lobo) ou as súas piaxes (pisadas), que teremos que rastrexar coa mirada.
Texto: Clemente Pérez Arias Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do periódico O Sil).