Malia permanecer cubertos por estratos de terra, os castros existentes no oriente ourensán son perfectamente recoñecibles. Estes xacementos caracterízanse pola súa estratéxica situación que lles permitía controlar pasos e ríos. Ademais obsérvanse, en boa parte dos casos, restos que delatan unha humanización da paisaxe: terrapléns de feitura artificial, cun trazado circular ou mesmo ovalado, e restos de sistemas defensivos cos que se protexían os poboados (muralla, foxos, parapeitos, etc).
Son numerosos os asentamentos deste tipo, aínda que o seu número total descoñécese no oriente ourensán, xa que non existe un inventario exhaustivo. Cada un deles constitúe unha porta por abrir ó pasado desta parte da provincia de Ourense. Pero agás en moi contados casos, non se teñen realizado excavacións arqueolóxicas nelas e, polo tanto, están sen investigar.
Tan só no municipio do Barco aparece recollida unha ducia de castros no catálogo de xacementos arqueolóxicos do Concello. Son os das Torres, O Xirimil, O Xardoal, O Casteliño Redondo, o Castro de O Castillo, o Castro de Os Lombos, O Pendón, o Cavaxón, Soutariz, O Castrillón, o Castro da Escrita e o Castro Moucido.
Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do periódico O Sil).