Salvando as augas do río Sil a través da Ponte da Cigarrosa, a antiga Via Nova, unha auténtica autopista da época romana, chegaba ao Forum Gigurrorum, antigo centro socioeconómico do val. Era ademais unha das once mansións da Via XVIII, que unía dúas urbes de referencia daquela: Bracara Augusta e Asturica Augusta.
Nun primeiro momento considerouse que esta mansión estaba en San Estevo da Rúa, se ben, investigadores como Antonio Rodríguez Colmenero e Santiago Ferrer consideran que podería situarse en Petín. “Este sería o auténtico Forum Gigurrorum, desdobramento na planicie do seu caput civitatis originaria, Calubriga, que vén a identificarse co castro de Santa María de Petín”. Neste punto conflúen ademais tres importantes rutas nesa época: a Via Nova, unha probable vía procedente de Lucus polo val de Quiroga, e outra procedente de Aquae Flaviae a través de Viana e O Bolo. A seguinte mansión sería Gemestario, que se situaría xa en terras bercianas, nas inmediacións de Cabarcos.
Como testemuña viaria desa calzada que percorría a comarca, permanece a Ponte da Cigarrosa, unicamente aberta agora ao tránsito peatonal e sobre un Sil remansado no encoro de San Martiño. Da súa factura romana orixinal tan só conserva a base, xa que foi reconstruída en época medieval. Esta ponte é un dos principais referentes do legado romano en Valdeorras e pon de relevo a importancia que xa daquela tiña a comarca.
É tamén nese momento histórico cando se estenden os viñedos por esta zona, un cultivo que forma parte inserapable da paisaxe de Petín e da súa actividade económica, xa que nela existen na actualidade cinco adegas amparadas pola Denominación de Orixe Valdeorras.
Este municipio valdeorrés, posúe unha superficie de 30,5 km2 e unha poboación de 1.042 habitantes (cifras do INE do ano 2008). Nel exercen a súa actividade unhas 50 empresas, citando os datos que se desprenden de “Ourense en cifras. Ano 2007”, un informe elaborado pola Confederación Empresarial de Ourense (CEO). A maior parte delas pertencen ao sector servizos, mentres que 17 son firmas da construción e as once restantes da industria.
Cada un destes sectores, ademais do vitivinícola, anteriormente citado, están integrados na Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA). Esta entidade, creada o 30 de marzo de 1990, conta na actualidade con 305 empresas asociadas. Nela están presentes os diversos sectores produtivos valdeorreses: comercio e servizos, hostalaría, metal, construción e obras públicas, transporte, vitivinícola, madeira, lousa, profesionais e grandes empresas. Ademais cada un deles posúe representación na xunta directiva, que preside Javier Rodríguez Paradelo dende xuño de 2008.
Esta entidade empresarial xurdíu co obxectivo de “contribuír ao desenvolvemento das empresas, non só cunha defensa decidida dos intereses dos seus axentes económicos, tamén sendo a impulsora de actividades e accións que resulten beneficiosas non só para os que están directamente implicados nela, senón tamén para o conxunto dos cidadáns”.
Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do periódico O Sil).