Cos apagados analóxicos desenvolvidos entre o 18 de xaneiro e o 1 de febreiro, a provincia de Ourense vén de incorporarse por completo á televisión dixital terrestre (TDT). Un proceso que se desenvolveu no territorio ourensán con “menos incidencias das esperadas”, segundo o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro. Aínda así, existen algunhas zonas de sombra, é dicir, lugares aos que por distintas razóns técnicas non se pode chegar co sinal dixital terrestre.
Para estes casos está prevista unha solución vía satélite que implica que os fogares dispoñan duns receptores distintos aos tradicionais, cuxo custe oscila entre os 200 e os 300 euros. Neste sentido o goberno galego xa adiantou que se están a estudar fórmulas de colaboración cos concellos para atender aos colectivos en risco de exclusión para a adquisición de equipos de TDT nas devanditas zonas.
A este cambio á televisión dixital na provincia de Ourense (unha das primeiras de Galicia en facelo xunto coa da Coruña e algúns municipios de Lugo e Pontevedra), adicamos o tema de En Portada deste número de febreiro. A TDT suporá unha serie de vantaxes para os usuarios: máis canles de televisión, unha mellor calidade e novos servizos. Neste último caso, a dixitalización do sinal e o mellor aproveitamento do ancho de banda permiten que as televisións ofrezan novas funcionalidades que van máis alá dos simples contidos audiovisuais.
Trátase de servizos avanzados como a guía electrónica de programas (EPG), o teletexto dixital cunha contorna moito máis visual, servizos interactivos, emisión de canles de radio a través da televisión...
O futuro das infraestruturas ferroviarias da provincia marcou tamén a actualidade en xaneiro. A cidade de Ourense acolleu as “Xornadas Ourense Alta Velocidade”, entre os días 18 e 22. Nelas técnicos e responsables das distintas administracións reflexionaron sobre a chegada do AVE a Ourense e a estación intermodal da cidade. Entre os participantes nas xornadas estiveron o ministro de Fomento, José Blanco, e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández.
Neste número de febreiro tamén damos conta da manifestación e folga do ensino en contra do decreto do plurilingüísmo, que tivo lugar en Santiago de Compostela o 21 de xaneiro, cunha elevada participación.
Tampouco pasamos por alto a elección do novo presidente do PP de Ourense, José Manuel Baltar, que conseguíu o 60% dos apoios no XV Congreso provincial do partido o 30 de xaneiro, no que se despedíu, despois de preto de 20 anos na presidencia, José Luis Baltar.