A celebración de feiras outlet en diversos municipios da provincia preocupa á Federación de Comercio de Ourense. Manifestouse durante a súa Asemblea Xeral, que tivo lugar o pasado 19 de xaneiro, e na que tamén tomaron parte os representantes valdeorreses de AEVA e o Centro Comercial Aberto O Barco, membros desta Federación.
Na reunión denunciouse o incremento deste tipo de celebracións que son realizadas por unha empresa privada de fóra de Galicia, e non teñen en conta aos comercianres locais nin dan coñecemento á Federación de Comercio do seu desenvolvemento. O sector considera que estes mercados deben estar consensuados e organizados en colaboración cos comerciantes locais.
Así, amosaron o seu desacordo coas feiras levadas a cabo nas últimas semanas en Cortegada, Sarreaus, Xinzo de Limia, Baños de Molgas e Amoeiro, así como o Mercado de Nadal que se puxo en marcha en Ourense “en plena campaña navideña”.
A Federación asegurou que avisará da súa postura aos concellos da provincia, á Deputación provincial e ao Inorde, co obxecto de poñer fin a esta práctica e que se teña en conta aos comerciantes.
Asemade, indica que é necesario poñer estes feitos “que están fóra de lugar” en coñecemento da Dirección Xeral de Comercio. Os comerciantes manifestan estar abertos ao diálogo pero piden que se lles consulte sobre a idoneidade destas accións para un futuro.
Texto: PGL/Ourense Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do periódico O Sil).