Unha tempada difícil en Preferente e sobre todo os arrastres das categorías superiores, levaban ao equipo grande do Centro de Deportes Barco de novo a Primeira Autonómica, nunha liga que comezaba o 6 de setembro do 2009 e que se estenderá ata o 9 de maio do 2010.
A que está en xogo, é a quinta tempada que o equipo barquense compite baixo a directiva que collía as rendas no 2005. “Este ano tiñamos medo polo tema da crise pero esperamos saír ben” explica o presidente Daniel Ramos, engadindo que os gastos son moi elevados e o presuposto que barallan ronda os 72.000 euros.
Para conseguir patrocinadores, atender as instalacións e coordinar aos tres equipos actualmente en competición, o presidente está acompañado por un nutrido grupo de colaboradores que arriman o ombro para sacar adiante o proxecto deportivo.
Á directiva formada por Nilo, Zubi, Suso, Tano, Juanín, Antonia, Toño e Castro, este ano sumáronselle Pirullo e Ismael e todos levan a cabo un traballo de forma desinteresada, algo digno de “agradecer e destacar” en palabras do presidente, que tamén quere ser agradecido co Concello do Barco e a Deputación “pola súa implicación” pero sobre todo coa afección e os patrocinadores así como co “Concello de Rubiá por deixarnos as instalacións deportivas, xa que é alí onde adestra o equipo”.
Porque resulta que a falta de infraestrutura deportiva necesaria, segue sendo un problema para o C.D. Barco. De feito dende a directiva están estudando a posibilidade de crear un equipo infantil “e poder meter aos veteranos na liga, algo que de momento resulta inviable”, lamenta Daniel Ramos, engadinso que lles queda pendente “esa espiniña”.
Texto: Mónica G. Bellver Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do periódico O Sil).