A freguesía de San Xoán de Escudeiros ocupa 3,96 km2 dos 40,6 do concello de Ramirás, situado na parte suroriental de Galicia, na metade inferior do curso do río Arnoia; o máis longo da provincia de Ourense con 84,5 km.
Ata o lugar de Escudeiros achegámonos para coñecer algo da súa historia que comeza a finais do s. XIX alongándose a case todo o s. XX. Unha parroquia que tamén honra a Santa Bárbara, patroa dos mineiros, por ser esta unha profesión destacada, nas súas minas de casiterita (estaño) para o que furaron con galerías e pozos os seus montes.
Da man de tres veciños, Xoán Carlos, Filo e José Antonio, dispómonos achegarnos a algunha delas, como é a mina da Central, importante referencia na produción de estaño.
Conxugar e dar a coñecer o valor histórico, patrimonial, cultural e de natureza ao redor da minería do estaño e a wolframita no lugar de Escudeiros é a pretensión dos veciños e membros da Asociación Santa Bárbara de Escudeiros. O inicio do camiño está no medio do lugar, preto do cruceiro de Pazos, sigue cara A Variña e A Cabrancada, ata chegar a O Cachón, onde hai unha presa no río Arnoia e comeza a canle de Escudeiros. Entre o esplendor das valgadas estan os vizosos soutos de castiñeiros, carballos, freixos, bidueiros, erbedos, escambróns, abruñeiros que ensombrecen o camiño ata que chegamos ao leito do río. Por este camiño ou por algún outro dos que hai pola paraxe de Fontedide volveremos ao lugar.
Xunto ás importantes minas de estaño tamén esta a infraestructura creada polos anos 50, como é a canle que levaba a auga para central coa que se producía electricidade para alimentar a bomba que subía a auga ata o deposito do Seixo, onde se acumularía para logo lavar o mineral sacado do filón das minas e que antes o facían na auga do río.
Este camiño que andamos hoxe nós, o fixeron multitude de veces os veciños do lugar para ir a traballar ás minas que foron de Don José Parga Moure, primordialmente durante a 2ª Guerra Mundial, que foi cando se deu en aproveitar a wolframita por sociedades hispanoalemanas ao igual que o estaño, empregado para as aliaxes, converténdose en minerais vitais e estratéxicos, moi abundantes en Galicia (Guillermo Schulz, 1833), en minas como a de San Finx (Lousame, A Coruña) e a de Escudeiros (Ramirás, Ourense).
Moitas son as lembranzas que os veciños gardan do seu traballo nas minas, da riqueza que lles deu. Regalía da que hoxe os máis novos queren votar a andar de man do sendeirismo e na procura da riqueza turística e de natureza. Camiño que a día de hoxe aínda non poderemos facer sen a compaña dos veciños, que nos guien para chegar a canle, a bomba ou a central ou as minas, todas elas abandonadas.
Texto: Clemente Pérez Arias Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do periódico O Sil).