O Foro Valdeorras Século XXI vén de remitir en xullo unha carta ao subdelegado do Goberno en Ourense, Camilo Ocampo, na que se solicita a implantación dun Posto Principal da Garda Civil na comarca, semellante ao que “xa está funcionando dende hai tempo no Carballiño e co que se lograría a creación de postos específicos nas áreas funcionais de seguridade cidadán, atención ao público e investigación”, segundo se plasma na carta. A reivindicación deste posto fora xa acordada na xuntanza celebrada o 16 de abril polo Foro (entidade que integra a todas as forzas políticas e sociais da comarca valdeorresa).
No texto enviado tamén se indica que “acorde coa documentación de que dispoñemos, o Posto Principal xurde da necesidade de dar resposta á conflitividade actual ou potencial de localidades cun claro predominio urbano, industrial ou turístico, ou ben que o requiran polas súas características demográficas, socioeconómicas, de seguridade cidadán ou similares e dende o Foro estimouse que Valdeorras cumpre estes requisitos”.
Texto: O Sil/Redacción Foto. Ángeles Rodríguez
(Máis información na edición en papel do periódico O Sil).