Tras dous anos na dirección Instituto da Muller, o Consello de Ministros designaba o 22 de xullo á ourensá Laura Seara Sobrado como nova secretaria de Estado de Igualdade. Un cargo que supón para Seara “un paso máis no meu compromiso e na miña decidida loita pola igualdade entre mulleres e homes, e pola erradicación de calquera tipo de discriminación”, aseguraba ao periódico O Sil pouco despois de tomar posesión do seu cargo.
Chega co obxectivo de “continuar e reforzar o traballo que xa se está realizando no Ministerio e na propia Secretaría de Igualdade, dirixida co esforzo e intelixencia da miña antecesora, Bibiana Aído”. Afirma que, “aínda que é lamentable dicilo, vivimos nunha sociedade na que a discriminación, en todos os seus aspectos, aínda é un feito e o perigo de retroceder en dereitos que custou tanto conseguir, tamén. O noso obxectivo é o contrario, é consolidar e profundizar neses dereitos, que por exemplo, unha muller non necesite traballar o dobre que o home para conseguir o mesmo salario. A tarefa é difícil porque require un enorme cambio cultural. Pero facelo formando parte dun goberno cuxa seña de identidade ten sido a defensa da igualdade e dos dereitos civís é unha enorme satisfacción”.
Texto e foto: Ángeles Rodríguez
(Máis información na edición en papel do periódico O Sil).