Beatriz Comendador, arqueóloga e profesora na Facultade de Historia do campus de Ourense, dirixía no 2009 unha intervención no entorno do monte Urdiñeira, situado entre A Gudiña e Riós, que daba nome a este proxecto. O seu obxectivo era analizar os patróns de asentamento e as rutas de paso natural existentes na zona, xa dende época prehistórica, e con dous eixes esenciais: oeste-este coa Meseta e norte-sur con Portugal. A parte de buscar novos xacementos, o equipo evaluou os xa catalogados e examinou vías de paso tradicionais, elementos etnográficos e explotacións mineiras.
“Como tal o proxecto Urdiñeira existiu no 2009, agora non ten financiación, pero a partir del xeráronse diversas liñas de investigación que continúan vivas, por iso manteño o proxecto aberto”, aclara a arqueóloga. Tamén continúa activo o seu blog (urdinheira.blogspot.com) e “pensamos realizar un libro, igual de multidisciplinar que o proxecto, con moitas colaboracións diferentes. A nosa idea é que o edite a universidade e estamos co deseño”, adianta Beatriz Comendador.
Este proxecto caracterizouse polo seu perfil social, cunha interesante e froitífera interacción cos veciños a través dunha serie de talleres. “A arqueoloxía faise para a xente, non para ti, nin para os teus colegas, faise para que iso trascenda e as persoas o abracen e o usen”, di Comendador Rey. Ese mesmo criterio marcará a excavación que esta arqueóloga dirixirá entre o 26 de xullo e o 12 de agosto no xacemento de San Vítor de Barxacova (Parada do Sil), unha das necrópoles máis amplas do noroeste peninsular na época alto e pleno medieval.
¿Como se fragua o proxecto Urdiñeira?
A elección desta zona ten que ver coa miña biografía. A miña temática de investigación na tese foron os inicios da metalurxia no noroeste da península e cando a fixen decateime de que hai unha serie de lugares con achádegos da Idade do Bronce, como o tesouro da Urdiñeira, moi coñecidos na bibliografía europea e obxecto de estudo de moitos investigadores, pero que en realidade non tiñan sido tratados nunca sistematicamente. Cando no 2005 cheguei a Ourense coa praza de profesora asociada na universidade, pois de súpeto abriuse a provincia para min porque eu antes traballaba entre Coruña e Vilagarcía. No 2006 fixen unha primeira incursión en Parada da Serra para ver o lugar e averiguar o sitio onde foi localizado o tesouro da Urdiñeira e, dende ese día, a parte do interese arqueolóxico do sitio, namoreime da súa espectacular paisaxe. A partir de aí, no 2008 presentei, xunto cun compañeiro do Museo Arqueolóxico de Ourense, unha comunicación a un congreso transfronteirizo entre Portugal e España, na que se amosaba o que considerabamos que podería ser o paradigma dun proxecto para lograr recuperar o contexto e a información dun achádego antigo. Precisamente a propia dinámica da arqueoloxía de principios de século o que fai cos tesouros é roubalos, lévaos do seu lugar de orixe e alí queda unha especie de recordo mítico daquilo que apareceu, pero non se sabe moi ben o que é, nin onde está. A nosa idea foi combinar nun proxecto a obtención de información contextual para poder entender o achádego e, ao mesmo tempo, facer un tipo de arqueoloxía que non sexa erudita, desintegradora, que roube cousas, senón intentar revertir. É dicir, devolver o tesouro da Urdiñeira ao seu sitio, aínda que sexa só a nivel conceptual: contándolle á xente por qué é importante aquilo que apareceu alí e con qué se relaciona. Ademais teñen aí uns recursos que poden proporcionar a base para que os centos de persoas que pasan pola Gudiña, camiño de Madrid, podan visitar e ver pasaixe cultural, creando así posibilidades para o turismo rural.
¿En que consistiu a prospección?
Relocalizamos sitios que non estaban ben catalogados, prospectamos a área na que apareceu a estatua-menhir do Tameirón e aí atopamos unha serie de túmulos non catalogados como tales, e tamén un túmulo interesante no límite norte da Urdiñeira. Colleitamos moitas referencias orais de lugares interesantes, topónimos que haberá algún día que revisar, toda a catalogación das minas que estaba un pouco dispersa... A financiación acabábase aí, pero os alumnos que participaron, algúns deles da zona, amosaron o seu interese por continuar coas liñas de investigación do proxecto, que ten moitas capas.
Agora dirixe unha nova intervención no xacemento medieval de San Vítor de Barxacova en Parada do Sil, ¿cal é o obxectivo?
É un proxecto que xurdiu o ano pasado a iniciativa do Concello de Parada do Sil, que xa financiara unha pequena intervención nesa área con resultados moi interesantes. Sabíase da existencia dalgunha tumba escavada na rocha, pero comprobamos que hai moitas máis e, a parte diso, encontráronse as bases da antiga capela adicada a San Vítor. Este ano imos continuar a intervención (do 18 de xullo ao 12 de agosto) cunha prospección para contextualizar este punto con outros da zona e tamén para ver onde apareceron algúns achádegos moi importantes da Idade do Bronce que hai no lugar. Despois escavaremos e, en dous turnos, levarase a dous alumnos voluntarios da facultade. Tamén abrimos o blog sanvitordebarxacova.wordpress.com e organizamos visitas guiadas de non máis de 15 persoas (polas dimensións do lugar) para amosar a escavación, comentar a intervención e explicar os resultados. Aínda que tamén poden vir persoas de fóra, está pensando, sobre todo, para que a xente de Parada do Sil teña a oportunidade de ver o que se está a facer. No blog, a parte de información, hai un teléfono para concertar a visita. Neste caso eu son a directora do proxecto, pero o arqueólogo é Eduardo-Breogán Nieto Muñiz. Constituímos un pequeno proxecto multidisciplinar con xente de historia medieval, de arqueoloxía e, no meu caso, de prehistoria aínda que pola vía da investigación da interpretación do patrimonio e das posibilidades de divulgar o xacemento.
Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Proxecto Urdiñeira
(A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do periódico O Sil).