É un punto de encontro do sector vitivinícola, pero tamén un evento que permite poñer aos caldos valdeorreses en contacto directo co público tendo, como pano de fondo, un fermoso entorno natural e un ambiente festivo. A Feira do Viño de Valdeorras celebrará a súa catorce edición os días 13 e 14 de agosto, mantendo a súa aposta por promocionar a gran calidade dos caldos desta denominación ourensá, unha das máis antigas de Galicia.
O esquema da mostra será moi semellante ao de edicións anteriores, cun programa que terá como limiar a celebración da XII Cata da Feira do Viño. Así na sede do Consello Regulador da D.O. Valdeorras terá lugar unha precata o día 11 de agosto ás sete da tarde e unha cata final o día 12 ás 11:00 h.
Ao día seguinte, 13 de agosto, arrancará a mostra propiamente dita a partires do mediodía no seu escenario habitual: a área recreativa do Aguillón na localidade da Rúa. Alí instalarase o recinto que contará nesta ocasión coa participación 25 expositores, dos cales 22 serán adegas.
Así as persoas que se acheguen ata A Rúa nesta segunda fin de semana de agosto poderán probar os caldos da colleita do 2010 elaborados polas adegas Alán SAT, Cepado SL, A Coroa SAT, Carballal SL, Chan de Ouro SL, Adega da Pinguela SL, Melillas e Fillos SL, O Casal SAT, Sampayolo SL, Santa Marta SAT, Ruchel SL, Avelina SAT, Quinta da Peza, Adega Eladio Santalla Paradelo, Bodegas Virxen de Galir SL, Viña Somoza Bodegas e Viñedos SL, Joaquín Rebolledo SA, Bodega Roandi SAT e Germán Rodríguez Salgado.
Asemade estarán presentes as tres adegas cooperativas existentes na denominación valdeorresa: a de Jesús Nazareno do Barco, Virxe das Viñas da Rúa e a de Santa María dos Remedios de Larouco. Tamén contarán cun espazo de seu neste certame vitivinícola a Asociación Galega de Cooperativas (AGACA), o Concello da Rúa e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.
O acto inaugural do certame, que contará coa presenza de diversas autoridades, está previsto para o día 13 ás 12:30 horas. A partir de aí, a feira estará aberta ao público durante dous días cun horario de mañá de 12:00 a 14:00 horas e, xa pola tarde, de 19:00 a 22:30 horas.
Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Especial Feira do Viño de O Sil).