Do 14 e 15 de xullo o I Salón gastronómico de produtos de excelencia da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal instalarase no Paseo do Malecón. En total participarán uns 26 expositores, dos cales 22 serán de produtores adheridos á marca de excelencia, tal e como explicaban o alcalde do Barco, Alfredo García, e a concelleira de Promoción Económica, Irene Dacal, no acto de presentación do salón a finais de xuño.
Estar amparados por esta marca implica reunir unha serie de requisitos plasmados no regulamento do selo. “Na mostra imos ter unha gran variedade de produtos. Haberá embutidos, mel, doces tradicionais, pan, empanadas, conservas vexetais, aceites, viños, marmeladas, conservas ecolóxicas... de Galicia, pero tamén pasteis e postres que veñen de Chaves e viños, aceites, embutidos e queixos da zona portuguesa de Macedo de Cavaleiros, entre outros”, sinalaba Alfredo García.
Ademais, haberá outros catro postos reservados para os concellos de Sarria e Barcelos (Portugal), os outros dous socios que, xunto co Barco, participan no programa Eixo Interior, un proxecto que conta con fondos europeos e do que tamén forman parte o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular e a Deputación de Ourense.
“No caso de Sarria os dous stands serán ocupados por anticuarios que traerán produtos dos seus negocios, mentres que nos expositores de Barcelos haberá artesanía típica desta zona portuguesa”, adianta o rexedor barquense.
Texto e foto: Ángeles Rodríguez
(Máis información na edición en papel do periódico O Sil).