A Feira do Viño de Valdeorras cumpre quince anos mantendo os obxectivos cos que se poñía en marcha un mes de agosto de 1997: promocionar a excelencia dos caldos desta denominación de orixe ourensá, a segunda máis antiga de Galicia, achegándoos aos profesionais, pero tamén ao público en xeral ao longo de dúas xornadas. Desta volta a cita terá lugar na fin de semana do 11 e 12 de agosto, no escenario escollido xa dende a primeira edición: as beiras do encoro de San Martiño, na Rúa.
Como limiar, o certame terá a xa tradicional cata de viños da feira, que cumpre trece edicións. Os expertos valorarán os caldos das adegas presentes na mostra primeiro nunha pre-cata na tarde do 9 de agosto e, logo, nunha decisiva cata final que terá lugar no consello regulador na mañá do 10 de agosto.
Os viños distinguidos faranse públicos no acto inaugural da Feira do Viño, programado para ás 12:30 horas do 11 de agosto. Nese mesmo intre, entregáranse as distincións.
No acto inaugural non faltará tampouco a lectura do pregón que nesta ocasión correrá a cargo da actriz ourensá Fely Manzano Conde, quen se fixo popular polo seu papel de dona Carme, nai de Miro Pereira na serie televisiva “Pratos combinados”.
A partir de aí o público terá oportunidade de catar e mercar os viños de Alán, A Coroa, Avelina, Carballal, Cepado, Adega da Pinguela, O Casal, Quinta da Peza, Melillas e fillos, Roandi, Sampayolo, Santa Marta, Ruchel, Virxen de Galir, Eladio Santalla Paradelo, Guitián e Blanco, Joaquín Rebolledo, José Luis Aristegui Anido e Viña Somoza Bodegas e Viñedos. Tamén contarán con stand as tres cooperativas existentes na denominación: Jesús Nazareno do Barco, Virxe das Viñas da Rúa e Santa María dos Remedios de Larouco.
O recinto feiral completarase coas casetas do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, do Concello da Rúa e do Ayuntamiento de Almendralejo, cuxa pesenza é xa habitual neste salón.
O horario de apertura da mostra será similar ao de edicións anteriores: de 12:00 a 14:30 h. de mañá e de 19:00 a 22.·00 h pola tarde. A entrada ao recinto será libre. Para poder degustar os viños a organización porá á venda cataviños e tickets nunha taquilla instalada na zona de entrada ao certame. Os prezos serán os mesmos do pasado ano, é dicir, 1,50 euros para o cataviños e 0,50 euros por cada degustación.
Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información no Especial da Feira do Viño de Valdeorras de O Sil).