Dende a carne, o pan ou o viño, ata os camareiros e incluso a animación musical, todo na Festa da Freba é natural de Petín. Quizais ese sexa o segredo do éxito desta xustanza gastronómica que, máis dunha década despois do seu nacemento, mantense como unha cita de referencia no mes de decembro.
Nesta ocasión, a diferenza de anos anteriores en que tiña lugar o segundo sábado do mes, será o venres, 7 de decembro, cando a carpa instalada na Casa da Cultura (Teleclub) de Petín se convirta en punto de encontro para todo aquel que queira participar nunha nova edición desta festa que nacía hai trece anos para exaltar a carne de porco, especialmente a parte magra, popularmente coñecida como “freba”.
Unha semana antes do día previsto, o Concello de Petín, organizador do evento), porá venda 500 entradas na Oficina de Turismo. Durante dous días, quen desexe poderá achegarse ata o local situado preto da praza Manuel Quiroga para mercar as entradas ao prezo de 10 euros, e despois tamén se poderán conseguir nas propias dependencias municipais ata fin de existencias.
E xa o día en cuestión, en torno ás 21h. abriranse as portas do Teleclub para acceder á carpa na que os colaboradores, que en cada edición rondan o medio cento, esperan aos comensais ao redor das mesas instaladas para a ocasión. Este ano e tal como adianta o alcalde de Petín Miguel Bautista, manterase o menú do ano pasado, cun consomé ben quentiño de primeiro prato, un chourizo escaldado de segundo e a famosa e sabrosa freba á brasa como prato estrela. De postre torta de roxóns e bica, todo regado con viño e auga, café e licores dixestivos.
Coma sempre, cada comensal terá dereito a levar a navalla con garfo incorporado, o vaso e a cunca de barro, incluídos no prezo da entrada, como recordo da cita. Unha cita que conta cos incondicionais que repiten ano tras ano, pero na que en cada edición tamén se ven caras novas, atraídas pola sona desta celebración popular na que a protagonista é a carne de porco pero tamén a festa que ao redor dela se forma.
Texto: Mónica G. Bellver Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do periódico O Sil).