Case dez anos despois do seu anuncio a autovía A-76 Ponferrada-Ourense segue sendo obxecto de reivindicacións. O longamente demandado terceiro acceso a Galicia dende Castela, despois da A-6 e da A-52, só é unha realidade, polo de agora, sobre o papel. Trataríase duns 125 quilómetros de autovía cun investimento estimado superior aos 1.000 millóns de euros. Actualmente está pendente da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) por parte do Ministerio de Medio Ambiente.
A partir dela podería levarse a cabo a declaración definitiva do estudo informativo e, de seguido, a licitación dalgúns dos proxectos dos tramos da autovía. Empresarios e políticos recoñecen a demora acumulada e coinciden na relevancia desta autovía para as tres comarcas polas que discurrirá (O Bierzo, Valdeorras e Terra de Lemos), pero tamén para a mellora das comunicacións na provincia e en Galicia. E máis, se cabe, despois da situación de peche durante case tres meses da N-120 por problemas no túnel da Barosa.
Esta cuestión poñíase sobre a mesa na última reunión que a mesa de seguemento da Plataforma Autovía A-76, formada polos alcaldes do Barco, Monforte e Ponferrada, así como por empresarios destas tres comarcas. A xuntanza tiña lugar o 15 de xaneiro no Concello do Barco e dela saía un dobre acordo: urxir ao Ministerio de Fomento a que inicie as obras da autovía e pedir que este proxecto se inicie nos 10 quilómetros en torno ao túnel da Barosa, entre O Barco e Ponferrada.
“Solicitaremos a Fomento que se comece a autovía dende o quilómetro 7,5 ata o 17,5 do estudo informativo debido á problemática que houbo na conexión entre O Bierzo e Valdeorras a finais do 2012, e ante a posibilidade de que poida darse outro problema na N-120 por corrementos de terra. E tamén ante a inestabilidade da estrada N-536, que non é axeitada como solución a un corte na N-120. Se volvese a producirse ese corte de estrada xeraría unha problemática moi grande para as exportacións de lousa e tamén para as relacións comerciais entre as tres comarcas. Falamos dun problema de competitividade, pero tamén de seguridade”, explicaba tras a reunión, o presidente da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), Javier Rodríguez.
A mesa tamén decidía remitir unha carta á ministra de Fomento, Ana Pastor, para solicitarlle unha entrevista na que poder transmitirlle estas demandas.
“Mantemos a reivindicación da A-76 como algo irrenunciable, pero o que plantexamos é que, por un problema de seguridade e de desenvolvemento económico, as comarcas de Lemos, Valdeorras e O Bierzo non poden volver a verse incomunicadas como estiveron dende o mes de outubro ata o de decembro”, aclaraba o alcalde barquense, Alfredo García, “e é unha posibilidade real que volva a haber aí problemas. Dese xeito conseguiríanse dous obxectivo: un que se empezara a infraestrutura e, dous, teríamos a garantía absoluta de que non volverían a repetirse situacións como as pasadas”.
Texto e foto: Ángeles Rodríguez
(A información íntegra pode lerse na edición en papel do periódico O Sil).