O mércores 30 de xaneiro pola tarde, a actividade na fábrica de Autoneum da Rúa era normal, como a de calquera tarde. As oficinas practicamente baleiras a esas horas e a planta de produción como un fervedoiro, cos operarios do turno de tarde centrados en cada unha das pezas insonorizantes que de aí saen, rumbo a Vigo.
O aspecto cambiaba ao día seguinte pola mañá. Un total de 31 altos cargos de Autoneum de Europa (xefes de planta de Polonia, Francia, Inglaterra, Portugal, Chequia..., directores técnicos, xefes de departamento), achegábanse ata a factoría ruesa para asistir a un seminario ou workshop centrado no lean manufacturing (un sistema de xestión enfocada á creación de fluxo para mellorar a calidade axustando os recursos).
O workshop comezaba xa o 30 pola tarde nas instalacións do complexo Paladium en Vilamartín, pero non sería ata o 31 pola mañá cando os directivos europeos chegaron á fábrica. Alí, distribuídos en catro grupos, foron recibidos polos xefes de departamento. Co director da planta Juan Bernete á cabeza, tamén estaba o responsable de Mantemento Xesús García, a de Calidade Anjara López, a de Enxeñería Laura Nóvoa, Produción con Jorge Mumary e Luis Ventura e a de Loxística Eva Goicoechea, entre outros. Todos se volcaron coa visita.
Entre os asistentes, estaba tamén o responsable de Autoneum en España, Francia e Portugal, Geert Mostrey. El mesmo foi quen explicou o motivo polo que a central da multinacional decidía realizar o seminario na Rúa.
Cada ano xúntanse os directores de tódalas fábricas de Europa nunha xornada de traballo na que se marcan as directrices a seguir.
Texto: Mónica G. Bellver Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Periódico O Sil).