Un recurso diferencial, a auga termal. Unha tradición de 2.000 anos e unha oportunidade de futuro. Ourense quere facer do termalismo o seu piar de desenvolvemento económico. “Temos un modelo de termalismo ao aire libre único, non só en Galicia, senón probablemente en Europa e no mundo. Moitas veces dicimos que é un modelo insuficiente para nós, porque é certo que non temos un hotel balneario, nin balnearios, pero demandamos esa infraestrutura, querémola ter”, resalta José Ángel Vázquez Barquero, edil ourensán de Economía, Facenda, Emprego e Termalismo.
Por iso, continúa, a cidade busca aliados: empresarios e profesionais do sector. Con este motivo celebraba en xaneiro o I Foro “Ourense Capital Termal” na cidade e, apenas dúas semanas despois, na Feira Internacional de Turismo (Fitur), en Madrid.
Ourense aposta polo termalismo a través do Plan Estratéxico Termal...
Traballamos no desenvolvemento dese plan, que é un referente para nós. É un documento plantexado fai xa tempo e haino que adaptar á nova situación xa que cando se aprobou, no ano 2005, o contexto económico era totalmente diferente. Hoxe estamos nunha situación de menor cantidade de recursos económicos. Para desenvolver este plan asinamos hai ano e medio un convenio importante con Turespaña de 1 millón de euros. Nel plantexábanse diferentes actuacións, entre as que eu descataría a elaboración e implementación dun plan de marketing termal. Iso conlevou que nos últimos meses do 2012 fixeramos toda unha campaña de publicidade, comunicación e marketing en diferentes zonas da península, basicamente nas principais cidades da ruta francesa do Camiño de Santiago e na Vía da Prata, tamén en Portugal (en Lisboa e Porto), nos aeroportos galegos e nas estacións do AVE en Madrid.
Outra actuación importante é á relacionada cos inversores, cos foros de Ourense e de Madrid en xaneiro. Entendemos que o desenvolvemento do plano estratéxico termal na parte de inversión non só debe contar con apoio das Administracións públicas, senón que tamén é imprescindible que haxa aportes da iniciativa privada, desenvolvendo proxectos concretos.
¿Como valora o foro de inversores celebrado na cidade?
Foi un evento importante e cunha alta valoración. Concurriron máis de 50 representantes de empresas significativas galegas, portuguesas e do resto de España, pero tamén había representantes de entidades europeas, de América e ata dos Emiratos Árabes e Asia. A idea que nos plantexamos cando deseñabamos este foro era a de cambiar a tendencia que se viña producindo. Normalmente este tipo de accións fanse noutros ámbitos, por exemplo, no marco dunha feira internacional, pero aquí a dinámica era traer á cidade a xente potencialmente interesada no desenvolvemento de proxectos de inversión para que coñeceran directamente as nosas posibilidades.
Tivemos oportunidade de amosarlles o que temos e o que somos, e a verdade é que foi moi gratificante dende o punto de vista da valoración que eles fixeron do Ourense termal. Foi unha carga importante de autoestima, como recollía algún medio.
Texto: Ángeles Rodríguez/ Ourense Foto: Carlos G. Hervella
(A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil).