Octavio Vázquez está centrado agora na estrea da súa Segunda Sonata para Viola e Piano, nun concerto que terá como escenario en novembro o Carnegie Hall de Nova York e no que contará coa presencia de músicos da talla de Viacheslav Dinerchtein e Eldar Nelbolsing. Esta obra foi premiada no concurso internacional Prokofiev, que se celebrou en San Petersburgo.
Entre as súas facetas musicais están as de compositor, intérprete e director de orquestra, profesor...
Estou centrado primeiro e antes que nada na composición. Toco con moita frecuencia, especialmente as miñas obras. Cada vez máis me limito á miña propia música, por falta de tempo non por outro motivo.
¿Cómo se prepara unha estrea como a do vindeiro 25 de novembro no Carnegie Hall?
Depende moito das circunstancias, cada concerto ten a súa historia particular e a súa organización. Este tipo de concertos é complicado de organizar. Nun concerto dunha orquestra está todo organizado non hai máis que mandar as partituras a tempo e o demais vai sobre rodas. Neste concerto, que eu espero con moita expectación, van tocar comigo seis músicos dos mellores que hai hoxe en día. De España vén Eldar Nelborsing, pianista de orixe rusa que vive en Madrid, e Viacheslav Dinerchtein que virá de Chicago. Hai outros catro músicos en programa, con idades entre os 25 e os 30 anos, pero que son incribles. A estrea organízase con moita perseverancia e un pouco de fe cega para que as axendas de todo o mundo funcionen. A primeira parte do programa é unha estrea absoluta.
Despois disto, ¿qué proxectos ten en carteira?
Na primavera do ano que vén esta mesma obra está programada para ser gravada polo mesmo solista que a estreará en Nova York, Viacheslav Dinerchtein, que o vai gravar para Urtext Digital Classics. Penso que a gravación sairá a finais do verán. Teño tamén bastante contacto con Galicia, e de feito, a Orquestra Sinfónica de Galicia vai tocar en Alemaña a miña obra “Memento” en maio, e seguramente escriba unha obra para eles no outono do 2005, que non sei onde vai ser estreada, pero probablemente na Coruña. Teño tamén outros proxectos máis a longo prazo, pero aínda están en talleres. Tamén manteño contactos con solistas que están preparando obras miñas e seguramente nos próximos tres anos empezarei a tocar regularmente por aquí.
Texto: Ángeles Rodríguez
(Máis información na edición en papel do periódico O Sil)