Con cada unha das súas novelas crea o seu “Macondo, particular”, o seu micromundo cuns personaxes extremos a través dos cales indaga no conflicto interno do ser humano. Este universo particular que plasma na súa escrita Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963) aparecía xa na súa primeira novela “O infortunio da soidade” (1992) e abrollará de novo no seu novo libro que está a piques de saír do prelo co título de “Amote”.
Licenciado en Xeografía e Historia e en Filoloxía, este autor ourensán, está considerado como un dos escritores máis destacados neste momento na literatura galega. Empezou publicando poesía no ano 1984 co libro “O esculpido sorriso dos teus beizos” e non foi ata 1992 cando se meteu no mundo da narrativa, ámbito ó que pertencen títulos como “O infortunio da soidade”, “Un xogo de apócrifos”, “Talvez melancolía”, “Ébora” ou “A rosa de Borges”. Entende a literatura como arte, na que priman “as constantes estéticas sobre as temáticas”. A súa obra recibiu numerosos galardóns literarios en Galicia, entre eles os premios Blanco Amor e Eixo Atlántico, o Xerais ou o Vicente Risco para narrativa fantástica.
Dende o seu Verín natal desenvolve a súa vocación literaria, que compaxina coa ensinanza, coa súa labor como traductor e coas súas colaboracións en prensa. Salienta que non pode entender como en Ourense “na cidade das letras, a Atenas de Galicia, a Facultade de Humanidades non ten aula de literatura”. Xosé Carlos Caneiro considera que a cultura podería ser a principal industria de Ourense e de Galicia, tal e como sucede noutros países como Irlanda. “A gran industria deste país é a súa propia cultura, pero non o entende así quen nos goberna”.
¿Vostede defínese como poeta ou como narrador?
Eu son poeta, pero son un poeta malo. Na poesía existe moito divismo, moita pose, moito escaparate. E, a parte, eu creo que os mellores poetas son os que nunca escribiron versos. Coñezo a moitas persoas que son poetas e que nunca escribiron ningún verso e, sen embargo, viven a vida como poetas, un pouco afastados da realidade, na tanxencia da realidade. E iso é o que me interesa como escritor e se non fora para escribir a historia dos tanxentes, dos antiheroes, pois non merecería a pena ser escritor. Eu para contar historias non escribiría, as historias cóntanas moi ben os guionistas de cine, os xornalistas... ser literato é algo máis, é unha aposta artística fundamentalmente.
Na súa primeira novela, “O infortunio da soidade” creou un mundo e uns personaxes que reaparecen de diferente xeito nas súas seguintes obras...
Eu tento crear o meu “Macondo” particular, a miña “Región”. Quero crear o meu universo literario onde os personaxes teñan carácter de seu, unha linguaxe de seu e onde sexan capaces de construir un microcosmos a súa medida, onde o importante sexan os conflictos persoais, as loitas do ser humano consigo mesmo coas preguntas que sempre nos facemos, e non as tramas e argumentos, que a min non me interesan.
¿Esta liña mantense no seu último libro, “Ámote”?
Quizais lingüisticamente é a máis depurada de todas as miñas novelas, a máis traballada dende o punto de vista estético, sen lugar a dúbidas. É unha novela na que falo dos temas dos que sempre fala a literatura: o amor, a morte, o desexo, a memoria... éstas son as circunstancias sobre as que sempre se desenvolveu o mundo literario e o meu non se afasta de aí. É unha novela case de monólogos, pero eu coido que é a miña novela máis coidada esteticamente e tamén a novela máis emotiva que escribín nunca. É unha novela que agora, cando a correxía, fíxome revivir todo o proceso de escritura e aínda así é unha novela que me sigue emocionando e motivando, sobre todo, para continuar escribindo.
Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do periódico O Sil).