Dentro do programa atlético da provincia de Ourense, as pistas de Calabagueiros acollerán a disputa da Copa Deputación - Campionato Provincial cadete e xuvenil, que por segunda vez se celebra no Barco.
Aínda que en principio a xornada estaba prevista para o 24 de maio, é probable que a proba se traslade ó día seguinte, xa que o sábado cóntase con realizar un curso para xuíces de operador de vídeo-finish, segundo anunciou o responsable do Clube Adas barquense, Agustín González.
Durante todo o día, as pistas encheranse de atletas chegados de toda a provincia que realizarán tanto probas de velocidade como saltos e lanzamentos. Ademais, aínda que en principio é un campionato cadete e xuvenil, nalgunhas probas tamén participarán atletas de categoría absoluta e achegaranse, asemade, ata Valdeorras, deportistas de Ponferrada (León).
O obxectivo dos atletas do Clube Adas para esta proba centrarase en “mellorar as marcas”, como indicou González, e se se pode “conseguir mínimas, porque veñen atletas de moitos sitios e hai moitas posibilidades de facelo ben”.
Así, atletas como Carlos Revuelta ou Laura Pérez, intentarán mellorar as súas marcas en lanzamento de martelo de cara ó Campionato de España. Tamén teñen posibilidades de mellorar Lorena Guitián ou Cristina Robledo, entre outros, na categoría cadete, ou Leticia Gil, en xuveniles, que partirá co obxectivo de conseguir a mínima en vallas e superar en salto de lonxitude a súa marca de 5,25 metros.
Pero as pistas de Calabagueiros están sendo “moi utilizadas”, como sinalou Agustín González, nos últimos meses. O Barco vén de acoller un amplo abano de probas o que ademais é moi positivo para as súas aspiracións de converterse en delegación de atletismo da provincia, para o que xa está en trámites, sendo polo de agora sub-delegación.
Texto: PGL Foto: Patricia González
(Máis información na edición en papel do Especial Santa Rita de O Sil).