Galerías de fotosOurenseÚltima hora

A Insua dos Poetas homenaxea a Carlos Casares

A Festa da Palabra, que se celebraba no Carballiño, rendía tributo á figura deste autor ourensán nesta edición

O autor de “A galiña azul”, o ourensán Carlos Casares, era nesta edición obxecto da homenaxe literaria que cada ano se tributa na Insua dos Poetas, na localidade do Carballiño. Así, no mediodía do 15 de xullo celebrábase a VIII Festa da Palabra.

O acto contaba coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, quen lembraba “o importante traballo que Casares fixo ao longo da súa vida para o fomento do libro e a lectura en Galicia” e destacaba que, como intelectual, escritor e axente cultural, é “un dos artífices desta Galicia que pode asumir os retos do século XXI.”

Por outra banda, e referíndose ao propio espazo físico no que se desenvolve o acto, o conselleiro congratulouse do feito de que a Festa da Palabra se celebre na Insua dos Poetas, “un lugar no que a literatura dialoga coas artes plásticas e no que a homenaxe a escritores se converte tamén en recoñecemento ao traballo e creación dos máis relevantes escultores contemporáneos da nosa terra, cuxa obra convive coa natureza neste espazo situado na parroquia de Madarnás”.

No decurso deste evento entregábanse ademais os premios Setecarballas da Insua dos Poetas, que este ano recaeron Antón Pulido, en Miguel Anxo Fernán-Vello, o Centro Partido do Carballiño en Bos Aires, a plataforma Ríos limpos, Carlos Guitián, o Diario Cultural da Radio Galega e o grupo de teatro Tiruleque. Así mesmo, deuse a coñecer a nova homenaxe escultórica coa que contará a partir de hoxe Carlos Casares neste espazo cultural. Trátase dunha creación plástica do artista Manuel Buciños que leva o título dunha das obras máis coñecidas de Carlos Casares, Vento Ferido.

Entre outras autoridades, no acto participaron o alcalde de O Carballiño, Francisco José Fumega; o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o presidente da Fundación, Luís González Tosar.

Desde 2009 a Festa da Palabra homenaxeou a figura de Ramón Piñeiro (2009), Arturo Baltar (2010), Xosé María Díaz Castro (2011), Celso Emilio Ferreiro (2012), os poetas do Rexurdimento (2013), Eduardo Blanco Amor (2014), Francisco Luis Bernárdez (2015) e Pura e Dora Vázquez (2016).

Artigos relacionados

Back to top button