PolíticaÚltima hora

José María Lago, novo presidente do PP na Gudiña

Resultaba elixido co respaldo unánime dos asistentes a este congreso local celebrado na tarde do 23 de maio

Non só consolidar, senón tamén aumentar a porcentaxe de apoio ao PP acadado na Gudiña nas últimas eleccións nas que rozaba o 53%. Este é o obxectivo que se marca o novo presidente da xunta local do PP neste concello ourensán, José María Lago. Resultaba elixido co respaldo unánime dos compromisarios asistentes ao congreso local desta formación política, que tiña lugar na tarde do 23 de maio. A el asistía tamén o presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar.

“Imos contribuír á maioría absoluta do PP nas próximas xerais e por suposto tamén na autonómicas”, afirmaba José María Lago, tamén alcalde da Gudiña, na súa intervención, engadindo que para elo “teño a intención de incrementar a participación dos afiliados e todos xuntos dinamizar o partido”. Ademais de agradecer o apoio recibido, destacaba que A Gudiña se ten que converter “nun punto de referencia para as comunicacións en Galicia, como porta de entrada á nosa comunidade tanto por estrada como por ferrocarril, e por iso cómpre tamén conseguir unha boa estación para o AVE”. Esta condición, aseguraba, “ten que redundar na actividade económica do municipio, o que nos axudará a ofrecer máis oportunidades e mellores servizos aos veciños”.

Tamén facía unha lembranza moi especial ao seu pai, Guillermo Lago, o anterior alcalde da Gudiña que falecía hai uns meses de forma repentina. “Continuarei coa súa tarefa e a súa visión de desenvolvemento da Gudiña”. O presidente provincial, Manuel Baltar, sumábase a esta homenaxe a Guillermo Lago, afirmando que foi “un dos grandes activos do PP ourensán, que tiña algo moi difícil en política, como é o apoio maioritario en cada elección dos seus veciños”.

Artigos relacionados

Back to top button