CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Juan Magán será o prato forte dos concertos da ICCWeek en Ourense

En cartel tamén están presentes outros artistas de talle internacional como DePedro, The Funkles, Bigott, Malandrómeda e un artista americano aínda por anunciar
Membros da organización canda ao presidente da Deputación, Manuel Baltar // Foto: Carlos Asensio.

O compositor, produtor e cantante de “electrolatino” Juan Magán, é a aposta forte para a representación da industria musical nesta nova edición da Ourense ICCWeek, que se celebrará entre o 2 e o 7 de maio e que ten como obxectivo a posta en valor das distintas industrias culturas e creativas e facer a cidade un marco de reunión e posta en común das mesmas.

Pero Magán non ven só, xa que en cartel hai outros artistas e grupos de excepción que o acompañan “co fin de abrir o abano de estilos e ofrecer unha proposta variada”, asegurou o membro da organización desta cita, Juan Rivas, na presentación de hoxe, 23 de marzo, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”.

Sendo así, este ICCFest arrancará cunha xornada inaugural no Teatro Principal, o martes 2 de maio ás 21:00 horas, con DePedro “guitarrista do grupo internacional Calexico, un grupo de carácter internacional cuxa traxectoria vén ascendendo nos últimos anos”, explicou Juan Rivas, e vén a Ourense a presentar o seu disco “El Pasajero”, un traballo “sorprendente pola súa propia linguaxe sonora e literaria, tan sinxelo coma cheo de sons”. As entradas para este concerto pódense adquirir a un prezo de 1o euros na venda anticipada a través da rede na plataforma Ataqulla e no propio Teatro Principal e o custo o día do propio concerto será de 15 euros.

O mércores, 3 de maio ás 21:00 horas no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, será a quenda do grupo galego The Funkles, “un grupo xa internacional que fai versións funk de temas de The Beatles”. A entrada será gratuíta até encher o aforo.

Para o sábado, 6 de maio, o Ourense ICCFest trae unha “sesión vermú” nos Xardíns do Padre Feijóo, con dous concertos. Por unha banda estará Bigott, “un artista que nos últimos catro anos encheu as salas de mediano aforo de toda España”. Canda a el estará Malandrómeda, “que este ano ten un dos discos de rock e blues mellores do ámbito nacional”, explicou o organizador, Juan Rivas. Esta sesión vermú irá dende as 12:00 até as 16:00 horas e a entrada é de balde até completar aforo.

Pero o misterio envolve este cartel, xa que para o venres 5 de maio, haberá un concerto dun artista independente americano “do cal aínda non podemos falar nin dicir o seu nome por cuestións da súa propia xira”, remarcou Rivas.

Pero “o pelotazo”, dixo Juan Rivas, será o cantante de “electrolatino”, Juan Magán, que fará bailar co seu ritmo ao Pazo de Deportes Paco Paz, o sábado 6 de maio ás 22:00 horas. Pero Magán non virá só, xa que o artista internacional terá de teloneiros aos DJ’s Mike Wass, Prieto Brothers, Pablo Dumore e José Grande. Dende a organización sinalan que, xunto con Lisboa e Madrid, Ourense é unha das tres paradas que Juan Magán fai na súa xira europea deste ano.

As entradas xa están dispoñibles na plataforma on-line Tiketea. As primeiras 300 entradas terán un custo de 15 euros. Logo as anticipadas custarán 18 euros e 20 no despacho de billetes no mesmo día do concerto.

Ante este cartel, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, asegurou que esta ICCWeek “vai ser un éxito”. O xefe do executivo provincial sinalou que, ademais destes concertos, esta cita tamén contará con relatorios e debates “que presentaremos na semana próxima e que versarán sobre a vangarda da industria cultural e da actividade e da produción audiovisual”.

 

Artigos relacionados

Back to top button