OurenseÚltima hora

Lalín convida aos ourensáns a que vaian celebrar, esta fin de semana, o “Cocido LGTBI”

As concelleiras de igualdade de Ourense e Lalín, Sofía Godoy e Celia Alonso apuntaron que este evento serve “para festexar a igualdade”
A mascota oficial do Cocido LGTBI é o Porco Arco da Vella.// Foto: Carlos Asensio.

“Lalín convida aos ourensáns a que se sumen ao Cocido LGTBI”, así abriu a concelleira de Igualdade desta localidade pontevedresa a presentación de este evento hoxe, 21 de marzo, na sala Valente en Ourense. Acompañada da súa homóloga Ourensá, Sofía Godoy, ambas concelleiras sinalaron que esta festividade é unha ocasión “para celebrar a diversidade”. Esta fin de semana, entre o xoves 23 de marzo e o domingo 26, Lalín converterase na capital galega LGTBI (Lesbianas, Gays, Transexuais, Bisexuais e Intersexuais).

Celia Alonso sinalou que no interior de Galicia hai “un déficit” de colectivos LGTBI e insistiu que dende as administracións hai que “axudar, apoiar e facer visibles”. Durante eses tres días, ademais de concertos e diversión, o Concello ofertará  relatorios destinados á normalización do colectivo LGTBI. A edil destacou que dende o seu departamento enfocan este traballo normalizador para toda a cidadanía “pero especialmente nos institutos, xa que cremos que para educar no respecto e igualdade hai que empezar pola base”, dixo.

Neste segundo ano que o fan, o Concello de Lalín tamén aportará unha nova receita para o seu cocido “que contén unha receita moi diferente, porque os grelos, as patacas e o chourizo para nós é a guarnición, a nosa receita leva respecto, visibilidade, risas”, dixo Celia Alonso. Asemade, aclarou que “o noso cocido non leva alérxenos como a culpa ou a vergoña”. E esta receita vai estar presente nos manteis dos comensais nos diferentes postos de restauración.

Pola súa banda, Sofía Godoy, amosou “todo o apoio por parte do Concello de Ourense, e intentaremos estar alí”, dixo. A edil de Igualdade da cidade das Burgas salientou, facendo referencia ao porco co arco da vella símbolo deste evento, que a vida “ten moitas cores e hai que velos todos, e de seguro que a nosa visión será moito máis ampla. Todos somos diferentes, e todos somos únicos, e temos que aprender a ser diferentes uns dos outros, porque non somos nin mellores nin peores, ser diferentes fainos únicos”, apuntou.

En definitiva, ambas institucións convidaron a todos os ourensáns e ás ourensás a que acudan a festexar este cocido LGTBI.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button