En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Lamalonga homenaxea a Pepe de Barrio no seu centenario

A figura deste artista, falecido anos atrás, era recordada agarimosamente con música, lecturas e un documental na XIII Semana Cultural deste pobo valdeorrés

Coa apertura dos seus museos ao mediodía e con música principiaba a sentida homenaxe que o pobo de Lamalonga (A Veiga) lle tributaba ao artista xa falecido José Escuredo, máis coñecido como Pepe de Barrio, o 13 de agosto. Era un acto que coincidía ademais co seu centenario e que abría a XIII Semana Cultural de Lamalonga, promovida pola asociación que leva o nome deste creador.

 

O escultor Pepe de Barrio de Lamalonga.

 

Primeiro o grupo Espalladoiro, e despois as pandereteiras ourensás Xestreu, poñían son a esta celebración, que propoñía unha viaxe pola vida e pola obra deste artista. Dábase lectura á súa obra, xa que ademais de esculpir, escribía poesía. Así o recordaba o pintor e amigo persoal de Pepe de Barrio, Paco Ascón, durante o acto. Era, dicía, “un xenial artista, un escultor singular, un magnífico escritor, vencendo brillantemente a súa escasa preparación académica, un extraordinario poeta, dos que escriben poesía dende o máis profundo do corazón, un sorprendente filólofo, dos que observan a vida con intensidade”.

Tamén se refería á súa calidade humana. “Hoxe quero recordar ao amigo, iso é o que Pepe significa para min, e na miña escala de valores está nos postos máis altos”. Asemade resaltaba a importancia de seguir recordando a súa vida e obra e tiña ademais palabras para a súa familia, presente no acto, citando expresamente á súa “inseparable colega María” e aos seus fillos Rosa e Rafa, así como aos seus amigos.

Ademais interviña a neta de Paco Ascón, Carolina, quen lembraba o día no que coñecía a Pepe de Barrio, tendo tan só dous anos. “Ao ir medrando e facéndome maior, fun descubrindo a este asombroso home”, comentaba. A homenaxe contaba asemade coa asistencia do alcalde da Veiga, Juan Anta, quen agradeceu a iniciativa e recordou a súa vinculación familiar con Lamalonga.

A parte de dar lectura a obra de Pepe de Barrio, na homenaxe tamén se daba un avance do documental “Lamalonga: Paraíso de los sentidos”, cuxa estrea está prevista o 17 de agosto na sede da Asociación Pepe de Barrio.

Na galería de fotos que acompaña a esta información poden verse imaxes da homenaxe, así como diversas obras escultóricas que Pepe de Barrio realizou e que sementan os cruces de camiños na estrada que vai da Veiga a Lamalonga, no municipio veigués.

Fotos: Carlos G. Hervella

 

Reportaxe sobre Pepe de Barrio publicada en maio de 1999 na sección “Os nosos artistas” do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button