CulturaCulturaÚltima hora

“Las piedras que hacían vino”, de Luis e Alejandro Paadín, gana o Gourmand Awards

O libro imponse na categoría de “mellor libro de historia do viño en español 2018” e pasará a competir cos seus homólogos neste apartado a nivel internacional
Luis e Alejandro Paadín, autores de “Las piedras que hacían vino”.

As pedras gardan a memoria das orixes do cultivo e da elaboración do viño en Galicia. Luis e Alejandro Paadín souberon descifrar esa linguaxe de rastros impresos en granito, descubrir ese legado e compartilo a través dun proxecto de varios anos de traballo e que deu lugar ao libro “Las piedras que hacían vino”. Editada por Servino Consulting, esta obra saía á rúa neste outono.

Agora este libro, que dende o primeiro momento tiña unha gran acollida, vén de ganar o “Gourmand Awards 2018” (o certame máis importante a nivel internacional de libros de viño, viaxes e gastronomía), na categoría de “mellor libro de historia do viño en español 2018”. Esta é a terceira ocasión na que un libro editado por Servino Consulting consegue un galardón Gourmand (tras os logrados pola “Guía de Vinos de Galicia 2014” e a “Guía de Vinos de Galicia 2017”, dirixidas polo sumiller Luis Paadín), pero desta volta o recoñemente ten un engadido especial, tal e como recoñecen os seus autores. “Nesta ocasión ten unha especial importancia porque ten sido un libro moi difícil de parir. Case dez anos investigando, superando dificultades e incomprensións inimaxinables e buscando os recursos financeiros ata debaixo das pedras”, contan.

 

Portada do libro.

Apenas uns meses despois de saír do prelo, cunha tiraxe de 1.500 exemplares, o volume está practicamente esgotado, “o que nos leva a preparar a primeira reedición desta “Viaje por los milenarios Lagares Rupestres de Galicia”, adiantan. Ademais, tras este premio “Gourmand Awards 2018”, o libro pasará a competir cos seus homólogos na categoría de mellor libro de historia de viño do mundo 2018, algo que se resolverá o 26 de maio do vindeiro ano en Yantai (China).

Este traballo de 208 páxinas reúne máis de 60 lagares espallados pola xeografía galega, pero cunha especial concentración na provincia de Ourense. Están descritos, fotografados e cos planos de localización de percorrido a pé e en coche para chegar ata eles. As fichas de cada lagar complétanse con sistemas de posicionamento por códigos QR e recomendacións de aloxamentos e restaurantes.

 

Páxinas interiores deste libro editado por Servino Consulting.

Artigos relacionados

Back to top button