Óliver Laxe: “Escollín Ourense como escenario porque é onde máis incendios hai”

Óliver Laxe. // Foto: Carlos Asensio.

Óliver Laxe (París 1982). Actor e director de cinema galego, presentou hoxe, 26 de outubro, as primeiras imaxes, en exclusiva para o público Ourensán do OUFF no Liceo de Ourense, do seu úlimo traballo “Aquilo que arde”, unha futura ficción que fala dos lumes galegos.

-Cando poderemos ver “Aquilo que arde” nas salas?

Eu deduzo que en 2019, porque non somos xente con présas e co lume non se xoga con presas tampouco. Ademais, como queremos filmar en condicións de lume real, entón temos que esperar.

-Moi oportuno este filme nestes tempos de lume en Galicia. 

Sempre houbo lumes en Galicia, sempre foi unha traxedia. É oportuna, si, porque cada vez o problema será máis grande. O cambio climático fai que a terra galega sexa cada vez menos húmida, a inversión en prevención é cada vez menor e o abandono do rural é cada vez maior.

Laxe presentou, en exclusiva, as primeiras imaxes de “Aquilo que arde” no Liceo de Ourense. // Foto: Carlos Asensio.

-Por que escolleu Ourense como escenario para gravar os lumes?

Porque é onde máis incendios hai. Ademais foi unha escusa perfecta para coñecer mellor Ourense, eu son de Lugo e vivín na Coruña e é unha provincia que teño menos a man e foi un pracer.

-Dicía que os lumes foron gravados sen guión pero que logo vai haber dous protagonistas no seu filme. 

Si, hai un guión canónigo, clásico, escrito cunhas personaxes. Estas foron as imaxes dunha parte da película que é moito máis complexa. Todo isto ten unhas intencións narrativas. A historia vaise articular a través de dous protagonistas en primeira persoa.

-Como viviu esta ultima vaga de lumes en Galicia?

Eu estaba en Baiona e case se me queima a furgoneta. A verdade é que non cambiou absolutamente nada de como o vivín, foi algo que estivo moi presente este verán. Paréceme que é interesante que sucedera e chegara ás cidades porque eu notei que as xentes falaban moito máis dos lumes. Foi un tema máis presente pero noutras zonas de Galicia e algo que sucede de cotío.

-Queixábase da dificultade de financiamento á hora de empezar este proxecto. 

Si, o máis doado para min sería coller a un actor coñecido e iso abriríame todas as portas do financiamento, iso abriríame todas as portas. Sigo teimando en facer un cinema íntimo o que fai que teña menos portas abertas. Pero este tipo de cinema pode producir coproducións internacionais, que é o que fixemos. Sacamos cartos en Francia, presentámonos ás axudas en Luxemburgo, Bélxica. Estamos intentando coller un pouco de aquí e de aló para estar mellor cubertos. No eido de Televisión Española, admitiron o seu erro e están a intentar arranxalo.

-Con canto orzamento contan?

Sobre uns 500.000 euros e a ver se entran máis.

A película xirará en torno a dous protagonistas. // Foto: Carlos Asensio.

Texto: Carlos Asensio.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies