CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Lectura e natureza para gozar nas vacacións de Semana Santa en Ourense

 

As actividades levaranse a cabo nas bibliotecas públicas e na Aula de Natureza do Río Miño.

A conciliación familiar nas vacacións é moi difícil. As familias con fillos moitas veces non teñen con quen deixalos durante os períodos festivos como os de Semana Santa, e por iso a concellería de Educación de Ourense vén de presentar o seu calendario de actividades para conciliar durante as vacacións.

As actividades levaranse a cabo en dous lugares. Por unha banda, na Aula da Natureza do Río Miño, as actividades están dirixidas para o alumnado de Primaria. Os días 10, 11, 12 e 17 de abril, levaranse a cabo os obradoiros de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. Os obradoiros preparados versarán sobre a “aprendizaxe a contorna natural, a reciclaxe, paseos polas beiras do río Miño e outras accións nas que se busca a interacción co medio ambiente e o coñecemento dos recursos”, informou a concelleira de Educación, Belén Iglesias.

Por outro lado, as actividades dedicadas ao alumnado de 4 a 10 anos levaranse a cabo nas bibliotecas dos barrios da Carballeira, A Ponte e San Francisco. Tanto na Carballeira como na Ponte, o sábado 8 de abril as actividades levaranse a cabo de 11:00 a 13:00; e o 10, 11, 12 e 17 de abril serán de 10:00 a 13:30 horas. Por outra banda, en San Francisco, os días 10, 11 e 17 de abril faranse as actividades en horario de 10:00 e 13:30 horas.

As actividades das bibliotecas públicas estarán dedicadas, segundo a edil de Cultura, xirarán en torno á dinamización á lectura. Nelas “vanse fomentar a comprensión e expresión oral, o manexo e utilización de libros e desenvolver o seu gusto pola lectura”. Belén Iglesias apuntou que estas actividades “non van ser gardería, senón que se empregará un método didáctico baseado na aprendizaxe a través do xogo”.

O prazo de inscrición está aberto até o 6 de abril e poderase facer na Concellería de Educación. En canto as prazas, asignaranse por orde de chegada.

 

Artigos relacionados

Back to top button