PolíticaÚltima hora

Leiceaga e Noela Blanco denuncian o “desleixo permanente” da Xunta co rural galego

Os socialistas urxen a apertura do Museo do Viño de Galicia, en Ribadavia, que logo de 30 anos do inicio do proxecto só está pendente da dotación de material e persoal

 

Fernández Leiceaga, Noela Blanco e o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, na visita ao Museo do Viño.

O voceiro do grupo socialista, Xaquín Fernández Leiceaga, vén de denunciar o “desleixo permanente” do goberno galego coa dinamización do rural. O responsable socialista viaxaba o 17 de febreiro ata Ribadavia, acompañado da deputada socialista por Ourense Noela Blanco, e polo alcalde deste municipio, Ignacio Gómez, para reivindicar a apertura do Museo do Viño de Galicia, que vai ser tratado no pleno do Parlamento galego da próxima semana.

Fernández Leiceaga puxo o caso deste museo como “paradigma do desleixo do goberno galego e da falta de compromiso co rural tanto do Executivo autonómico como da propia Deputación Provincial”. O voceiro dixo que logo de 30 anos dende que foi planificado, “o Museo está totalmente preparado para a súa apertura á espera de que o Executivo o dote de fondos e persoal”.

 

Outra das imaxes da visita.

Sinalou que se trata dunha “oportunidade para o Concello, a comarca e toda Galicia”, por canto serve de complemento para impulsar a actividade turística do interior de Galicia, e supón unha iniciativa “lastrada por unha decisión política deliberada do goberno galego”. Presentou esta proposta para “chamar a atención sobre as consecuencias do seu desleixo permanente e continuado, que non é froito da ignorancia” no pleno da próxima semana no Hórreo.

A deputada ourensá Noela Blanco explicou que os socialistas reclamaranlle ao goberno galego unha data prevista para a apertura da infraestrutura, que constitúe “unha mancha máis da Xunta coa marca do Ribeiro”.

Proxecto

Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, reivindicou que o Museo do Viño “sexa algo máis que un argumento para que o PP veña facer fotos e anuncios en campaña electoral”. Sinalou que “foi un alcalde socialista que iniciou o proxecto, foi un presidente da Xunta socialista que conseguiu poñelo en marcha e foi o PP quen está aprazando continuamente”.

Reclamou un compromiso claro dende a Xunta e a Deputación provincial que, dixo, “ten persoal suficiente para dotar ao Museo do Viño de Galicia e poñelo en marcha”, en alusión á controversia política de persoal de Baltar no entre provincial.

Artigos relacionados

Back to top button