OurenseÚltima hora

O Liceo de Ourense acolle o venres a estra do documental “Castelao. De chumbo a verba”

A cinta está dirixida por Miguel López, que estará canda ao equipo tras a proxección. O evento contará tamén con María do Ceo que interpretará a banda sonora do filme
Xavi (Iago Novoa) e Castelao ( Miguel Pernas).

O vindeiro venres, 24 de novembro, o Liceo de Ourense acollerá a estrea do documental “Castelao. De chumbo a verba”, dirixido por Miguel López, que estará presente xunto ao equipo de rodaxe para presentar esta peza. A proxección será ás 20:00 horas e está aberta ao público xeral. Asemade, contarán coa actuación e interpretación dos temas musicais da banda sonora da cinta a cargo de María do Ceo.

A historia do filme transcorre na época actual, concretamente nun colexio de Pontevedra no que se está a celebrar o Día das Letras Galegas adicado a Castelao. A mestra, interpretada por Uxía Blanco, encarga un traballo que teñen que realizar os alumnos durante a fin de semana. Neste punto Xavi (Iago Novoa), o protagonista, é un neno intelixente pero un pouco lacazán, recibe a reprimenda da mestra por non estares atento na clase. A partir de aí, o rapaz artella un mundo entre a fantasía e a realidade que se inicia cando a estatua de Castelao da Praza de San Xosé, na capital do Lérez, cobra vida e percorre co neno os lugares máis significativos da Pontevedra na que viviu o galeguista durante 20 anos.

En si, esta peza presenta unha ficción que se mestura imaxes de arquivo de Castelao e “flashbacks” que achegan ao espectador ás dúas décadas -de 1916 a 1936- da vida do artista e escritor rianxeiro, axudando a entender o seu pensamento, a súa vida persoal, cultural e política.

 

Artigos relacionados

Back to top button