EconomíaEconomíaFestas do Cristo O BarcoGalerías de fotosSen categorizarÚltima hora

As liñas de axuda a Pemes en Galicia, presentadas en Valdeorras

O salón multiusos do Barco acollía unha xornada informativa na que participaban a directora xeral de Comercio e o conselleiro de Economía

As diferentes liñas de axudas autonómicas ás pequenas e medianas empresas galegas (Pemes) expoñíanse en Valdeorras no marco dunha xornada informativa celebrada na tarde do 11 de febreiro no edificio multiusos do Barco. Neste acto, organizado pola Asociación de Empresarios de Valdeorras (AEVA) e pola Consellería de Economía, interviña en primeiro lugar o subdirector de información do Igape, Curro López, quen enumeraba e explicaba as subvencións que a Administración galega pon a disposición dos empresarios da comunidade. “Agora mesmo están os prazos abertos de presentacións de solicitudes do 70% das axudas da consellería. Hai que ver e valorar a compatibilidade que pode haber entre elas para un mesmo proxecto”, apuntaba. Tamén matizaba que esas axudas nútrense con fondos europeos.

Así Curro López falaba das axudas a novos emprendedores, das destinadas ao investimento empresarial, dos préstamos Jeremei (financiamento para proxectos de investimento empresarial), do programa Re-Solve (liña de circulante), do programa Galicia Exporta Empresas ou das axudas para a contratación de xestores de internacionalización.

Nesta xornada tamén participaba como ponente a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, quen se centraba nas liñas para a mellora da imaxe, modernización e implantación de novos modelos de negocio no sector comercio e artesán. Nelas inclúense apoios para cuestións que van dende o equipamento, o empaquetado e etiquetado ata a presenza en internet e nas redes sociais e os novos sistemas de comercialización e información. “Non lle teñades medo á rede porque nela hai un montón de oportunidades”, destacaba dirixíndose aos comerciantes, “é o camiño que nos queda, a presenza en internet é moi importante, é o comercio que vén”. Ademais pechaba a súa intervención referíndose á liña de relevo comercial.

O acto clausurábase coas intervencións do presidente de AEVA, Javier Rodríguez, da delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz, do alcalde do Barco, Alfredo García, e do conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen se refería ao complexo momento económico que se vive a nivel internacional e á importancia da colaboración público-privada para facerlle fronte. Tamén incidía en que neste senso dende a Xunta estase a traballar en dous eidos principais: as axudas públicas, algunhas delas centradas nas Pemes, e a “eliminación de todo tipo de trabas que poden limitar a capacidade dun emprendedor para desenvolver un proxecto”. Asemade Conde destacaba o peso de sectores valdeorreses como o da lousa e o do viño.

Ao asistían numerosos empresarios da comarca de Valdeorras, así como membros do Centro Comercial Aberto (CCA), entre eles a súa presidenta, Sandra Moldes, e da Asociación Galega de Pizarristas (AGP). A xornada remataba cun viño valdeorrés, acompañado de pinchos.

Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button