EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosPizarraÚltima hora

A lousa quere reforzar a súa presenza no mercado nacional

O Clúster da Pizarra de Galicia vén de asinar un acordo de colaboración coa Xunta para desenvolver unha campaña de difusión desta pedra natural no territorio español

É un dos sectores máis internacionalizados da economía galega, xa que exporta o 95% da súa produción, pero a parte de seguir incidindo nos mercados exteriores, a lousa galega quere abrirse camiño no territorio español. Con este dobre fin, o Clúster da Pizarra de Galicia rubricaba un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia. O acto de sinatura tiña lugar na mañá do 3 de xuño en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) e nel participaba Rogelio López como representante do Clúster, xunto coa delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces.

Este acordo recolle dúas cuestións principais, segundo resumía tras o acto da sinatura o director xeral de Enerxía e Minas. A primeira á que se refería é a realización dunha campaña de difusión das diferentes accións que se están a desenvolver no sector en publicacións especializadas e medios de comunicación.

Por outra banda, está prevista asemade a publicación dun estudo técnico que pon de manifesto as características da lousa galega fronte ás doutro produto co que están competindo no mercado nacional e internacional: a lousa brasileña. “O estudo editarse en papel, cunha tiraxe de 3.000 exemplares, e tamén en formato dixital. Nel recóllense cales son as cualidades da nosa lousa, que é de compresión tectónica”.

Despois deste acto, o director xeral de Minas, acompañado por representantes do Clúster da Pizarra de Galicia, visitaba a “mina de lousa máis grande do mundo”. Tratábase da mina subterránea “A Fraguiña”, da empresa Cafersa, pertencente ao grupo Rathschek.

Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button