CulturaCulturaÚltima hora

Luis Alonso achega ao público valdeorrés a obra de Meijide Pardo sobre a emigración galega no século XVIII

O escritor e investigador barquense daba unha conferencia no Casino do Barco de Valdeorras

O Casino do Barco de Valdeorras acollía na tarde do 15 de decembro unha nova conferencia. Desta volta, organizada polo Instituto de Estudos Valdeorreses, foi impartida por Luis Alonso Álvarez, escritor e investigador barquense, Catedrático da Facultade de Economía da Universidade da Coruña, quen falou sobre a obra literaria doutro barquense: Antonio Meijide Pardo.

Na súa disertación, presentada polo presidente do IEV Aurelio Blanco Trincado, o conferenciante fixo un percorrido pola obra de Meijide, asegurando que é autor de numerosos estudos entre os que destada dous: Un sobre a introdución da pataca en Europa “alimento que quitou moita fame en Galicia”, asegurou Alonso, e outro sobre a emigración galega intrapeninsular no século XVIII. “Antonio Meijide foi un historiador local que case sempre escribía en castelán e o 88% da súa obra xira en torno á historia máis próxima mentres que o 12% restante (aínda que ten dúas obras de carácter internacional) son sobre Galicia”. E nese grupo se engloba o estudo sobre a emigración dentro de España e Portugal, “a súa obra máis importante e completa coa que se recuperou o Seminario de Estudos Galegos que se interrompira durante a Guerra Civil”.

Luis Alonso asegurou que se trata dunha obra publicada nos anos 60, moi complexa, para a que necesitou consultar 16 arquivos (14 en Galicia, un en Lisboa e outro en Madrid) “coas dificultades que iso implicaba e custeadas por el mesmo”, ao que hai que engadir a ausencia de estatísticas, “polo que tivo que ir recompilando datos e sumando dun lado e outro, ata completar un estudo con todo luxo de detalles no que sabemos cantos emigrantes había, de onde saían ou que camiños seguían”. Un traballo moi laborioso digno de mención e loubanza.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button