En portadaÚltima hora

Luis Fernández Gudiña toma posesión como alcalde da Rúa

Tralo pacto de goberno co BNG, o socialista gobernará durante os vindeiros dous anos
Luis Fernández Gudiña, alcalde da Rúa.

O pleno de renuncia da alcaldesa durante os dous últimos anos, María G. Albert foi o primeiro paso e o de elección do novo alcalde o segundo. Dende hoxe, Luis Fernández Gudiña, portavoz do PSdeG-PSOE e ata agora tenente de alcalde do Concello da Rúa, é o novo alcalde que estará ao fronte do municipio valdeorrés durante os vindeiros dous anos, cumprindo así a segunda parte do pacto de goberno asinado tralas eleccións de 2015 entre as dúas forzas políticas (PSOE e BNG) co cal superaban en número de concelleiros ao Partido Popular (6 fronte a 5).

O socialista tomaba posesión do cargo no pleno celebrado ás 12 horas do 24 de xuño coa elección de alcalde como único punto da orde do día. Como en calquera votación, o primeiro foi a composición da mesa de idade formada polo membro de máis idade da corporación, José M. Casillas e o de menor idade, Diego González e o nomeamento dos dous candidatos: Avelino García Ferradal que malia o pacto existente quixo presentarse polo PP; e Luis Fernández Gudiña polo PSOE. Xa sen sorpresas, con 5 votos para Avelino e os 6 de socialistas e nacionalistas para Luis, o candidato do PSdeG-PSOE era proclamado alcalde da Rúa, un cargo que aceptaba e prometía.

 

Momento da votación polo candidato do PSdeG-PSOE.

Con Luis xa presidindo o pleno, chegaba o turno de intervencións que abría o portavoz popular. Avelino felicitou ao novo alcalde e desexoulle “toda sorte de bens nesta tarefa porque todo o que sexa ben para el será ben para A Rúa e para todos”, lembrando que xa ten experiencia ao ter estado na alcaldía no 2009/2011 e que dado que será “un goberno continuista, non desfrutará dos cen días de cortesía porque xa pasaron”. García Ferradal no quixo deixar pasar a oportunidade de criticar os dous anos anteriores nos que, segundo as súas palabras, “non se fixo nada e seguimos esperando que o pacto se cumpra”. O popular asegurou que durante varios anos o PSOE foi cogobernador no Concello “ou favoreceu gobernos que levaron á Rúa ao estado no que se atopa, polo que non se eximan de culpa”, dixo, incidindo nos “puntos negros que quedan pendentes” como o Centro de Saúdo ou enlace da N-120, entre outros dos que xa falara no anterior pleno, rematando a súa intervención acusando a PSOE e BNG de ser “un goberno de perdedores que conseguiron nos despachos (de forma legal, iso si) o que as urnas non lles deron”.

 

Os concelleiros do Partido Popular con Avelino García Ferradal á cabeza.

Ante esas acusacións reaccionaba a alcaldesa saínte e portavoz do BNG, María González Albert asegurando que o portavoz do PP “perdeu en catro días dúas oportunidades seguidas de ser educado e demostrar que está aí por algo, non facendo pedagoxía de política, porque este non é un goberno de perdedores, xa que a lei electoral permite e anima aos gobernos de cualición e vostede sabe ou debería saber que os alcaldes non se elixen directamente”. María foi breve e rematou asegurando que “nestes dous anos o goberno traballou moito e no Concello da Rúa arrancou a senda dunha mellora, que boa falta lle facía, e estou segura de que nos vindeiros anos vai continuar, polo que seguiremos traballando no bipartito como fixemos ata agora, nas nosas áreas e ao servizo do alcalde”.

Despois de prometer o seu cargo, o alcalde foi o último en falar, comezando a súa intervención con palabras de agradecemento aos presentes, aos seus compañeiros e familia. De seguido, aseurou que hai dous anos consegurion formar “un goberno de progreso no noso concello e de marcarnos unha ruta de traballo que é a que queremos levar a cabo”. A metade de lexislatura, entre os logros conseguidos nestes dous anos Luis citou o PXOM, a auga de Vilela, o ascensor do Centro de Saúde ou a redución da débeda, aínda que tamén lembrou que “quédannos retos importantes por diante nos que seguir traballando, dous que xa non poden esperar máis como o Centro de Saúde e o enlace da N-120”.

 

A nacionalista María González Albert durante a súa intervención.

 

Un momento do pleno.

 

Na súa intervención, Fernández Gudiña asegurou que apostaron “pola transparencia, pola participación, polo achegamento do Concello á cidadanía dándose importantes pasos, pero non pode quedarnos aí polo que plantexaremos un novo regulamento de participación cidadá e o gran reto da administración electrónica que temos que poñer a funcionar para poder ser moito máis áxiles”. Entre eses proxectos que esperan poder levar a cabo nos vindeiros meses está o repoboamento da Chopeira e mellora da Reza; seguir dotando aos núcleos (xa actuaron en Roblido, San Xulián e Vilela); arranxos e melloras no centro da vila como as rúas Chile, Doutor Fleming ou Silveira); intentar conseguir un proxector dixital para o Centro Cultural Avenida; ou buscar solucións para a falta de auga que pode sufrir A Rúa durante o verán. “Non estamos paralizados”, asegurou Luis, “fixemos moitas cousas e quedan outras pendentes pero non nos asustan os retos senón que son os que nos motivan”, concluía antes de levantar a sesión.

 

Asistentes ao pleno no que Luis Fernández Gudiña foi elixido alcalde.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información e fotos:
https://osil.info/o-salon-de-plenos-concello-da-rua-acolle-eleccion-novo-alcalde/

Artigos relacionados

Back to top button